O grupo socialista abandonou a sesión sen votar a proposta, despois de que fose desestimada a súa petición de deixar o tema sobre a mesa
O pleno municipal de Lousame aprobou esta mañá o convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Lousame, que os equipara en dereitos cos funcionarios. Unha aprobación que se realizou cos seis votos a favor do Grupo de Goberno, xa que os dous concelleiros do PSOE abandonaron a sesión sen votar a proposta.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que este convenio colectivo “o que fai é equiparar os dereitos dos traballadores laborais cos funcionarios. Equiparar. Se cando houbo baixada de salario se lles baixou a todos por igual, entón tamén os dereitos debes ser para todos por igual”. Ademais, adiantou que “saia quen saia nas eleccións, dende o primeiro día hai que empezar co convenio dos funcionarios e despois afrontar a RPT, que non é unha tarefa sinxela”.
Negociación
Villaverde xustificou a urxencia do pleno extraordinario en que “é prioritario acelerar a aprobación para que entre en vigor o máis axiña posible”, pois agora será presentado para o seu rexistro e publicación no BOP. Villaverde explicou que “desde o inicio desta lexislatura se amosou un interese máximo en aprobar este convenio”, se ben foi en agosto de 2017 cando os traballadores presentaron o primeiro borrador de convenio.
O 18 de febreiro de 2018 tivo lugar a primeira reunión da mesa de negociación, onde se recoñeceron os trienios do persoal laboral e se asumiron dende o 1 de xaneiro. O 16 de maio de 2019, os servizos técnicos municipais de Lousame remataron o informe da proposta dos traballadores, que foi enviada aos delegados sindicais. O 22 de maio de 2019 celebrouse unha nova mesa de negociación e convocouse a sesión plenaria de hoxe.
Villaverde tamén lembrou que “no pleno ordinario de maio dixen que posiblemente convocaría un pleno extraordinario para aprobar este convenio, que é unha débeda que tiña co persoal laboral dende o primeiro día da lexislatura. Non é algo que se fixera nuns días, é un traballo de 4 anos”.
“Rechina”
O voceiro socialista, Julio Paradela, criticou “tanta dilación de tempo” na aprobación do convenio e “que agora, en plena campaña nos convoque a un pleno. Cando menos rechina un pouco, máximo cando se nos entregou un documento e pretenden que en dous días repasemos todo”. Diante desta situación, Paradela propuxo “deixar isto enriba da mesa e, na próxima lexislatura, saia quen saia, no primeiro pleno se leve a cabo”.
Villaverde lembrou que “o tempo desta lexislatura remata mañá. E nós sentimos que vostede cambie unha letra das súas siglas, como é o O, pola P, que o O de Obreiro a subyugue agora mesmo ao Partido para non aprobar este convenio”. Pola contra, considerou que “deberíamos felicitarnos de traer este convenio e aprobalo conxuntamente porque é o que necesitan os traballadores”.
Paradela replicou que “non é un nin dous traballadores os que din que non teñen coñecemento do que se firmou, porque se firmou a presas e correndo”. Ao que Villaverde respondeu que “o sistema é representativo e os traballadores teñen tres delegados sindicais que elixiron eles”. Ademais, lembrou que “houbo un tempo de alegacións moi amplo e non se presentou ningunha” e que “a mesa de negociación do 22 de maio podía aprobar ou rexeitar o texto, e decidiu aprobalo”.
Abandono da sesión
Neste punto, a secretaria municipal puntualizou que o acordo ten vixencia ata o 31 de decembro do 2019, data na que os traballadores deberán decidir se se prorroga ou se desestima. Ante a convocatoria da votación do punto, os dous concelleiros socialistas levantáronse e abandonaron o pleno xa que “non imos entrar na dinámica de votarlle isto”.
Pola súa banda, os seis concelleiros do grupo de Goberno aprobaron o punto e a alcaldesa de Lousame deu por rematado o pleno asegurando que “é unha pena que nun tema tan importante como recoñecer os dereitos dos traballadores e aprobar un convenio colectivo, se utilice para facer o que xa supoñía que ía suceder por ser as datas que son. Nós non estamos facendo campaña, estamos aprobando un compromiso adquirido dende o principio da lexislatura”.