Noia volveu sumarse este ano á campaña “Quere o teu mercado”
A Praza de Abastos de Noia participou un ano máis na campaña “Quere o teu mercado”, promovida pola Xunta de Galicia para apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas vilas, potenciando así a compra do produto local ao amosar a profesionalidade dos praceiros e praceiras. Así, todas as persoas que se achegaron pola praza noiesa puideron desfrutar dunha degustación de empanadas e sidra, ofrecidas pola Praza de Abastos e o Concello de Noia.
Á iniciativa asistiron a concelleira de Comercio, Mariola López Cierto; o presidente de USPAN, Guillermo López; e o presidente de Noia Histórica, Francisco Pérez, que estiveron acompañados por comerciantes e concelleiros noieses. A degustación deu comezo ás 11:00 da mañá, polo que todas as persoas que se achegaron pola segunda planta da praza puideron desfrutar de distintas elaboracións de empanadas: de berberechos, zorza, bacallau, atún, polo, millo… que moitos acompañaron dunha sidra, de man de Val do Traba.
A agrupación folclórica Os Salgueiriños encargouse de amenizar musicalmente a xornada, mentres os asistentes levaban como agasallo unha bolsa de tea coa lenda “Quere o teu mercado”. A Xunta de Galicia promove esta iniciativa en 86 localidades en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de Comerciantes.