O candidato á Alcaldía de Ordes expón o seu programa electoral para os vindeiros catro anos nun mitin multitudinario no que estivo acompañado por Pilar Cancela e Roberto García
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ordes, Fernando Viqueira Nouche, pon de manifesto que o voto á candidatura que encabeza “é o único útil logo de catro anos nos que o PP mantivo na parálise o goberno municipal e nos que Unión por Ordes estivo ausente como principal grupo da oposición, volvendo agora na campaña con tanta desgana que o seu candidato mesmo utiliza a mesma foto que en 2015”.
Viqueira destacou a eficacia e preparación da súa candidatura para gobernar Ordes desde o primeiro día, para o que pediu o apoio da veciñanza. Nun mitin na antiga discoteca LP45, no que congregou a máis de 500 persoas, foi debullando as principais propostas do programa electoral co que os socialistas concorren ás municipais deste domingo.
A prioridade dos socialistas de Ordes é reactivar a economía e o desenvolvemento do concello. Para iso Viqueira comprometeuse á aprobación canto antes dun Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado ao que necesita Ordes, posto que “a dereita leva case vinte anos paralizando un documento tan relevante e impedindo así iniciativas vitais e estratéxicas para o municipio como un polígono industrial en Pardiñas (Poulo)”. Neste sentido, o PSOE proponse tamén crear un viveiro de empresas para incentivar o emprendemento e axudar a consolidar novos proxectos empresariais e de xeración de emprego.
O programa electoral do PSOE de Ordes presta especial atención ao sector turístico, no que o municipio ten un gran potencial pendente de explotar. Por iso, propón a creación dun Punto de Información Turística no que se canalizaría toda a oferta da que dispón o municipio, como os roteiros de sendeirismo, o Museo do Traxe, o Camiño Inglés e as festas gastronómicas e culturais. Esta oficina xestionaría un proxecto integral turístico a nivel de todo o municipio.
Viqueira explicou que o goberno que aspira a liderar remataría coa marxinación das parroquias que caracterizou ao PP nestes anos. Para iso, unha primeira medida sería aplicar un plan integral de limpeza e roda dos viais de todas as parroquias, poñendo a traballar os tractores cos que conta o Concello, así como unha mellora continua das pistas e estradas “que despois destes catro anos de despropósitos presentan tramos cun pésimo estado de conservación e mantemento”.
Coa mesma intención de que o Concello estea presente en todo o municipio, o candidato socialista comprometeuse a crear un punto de atención municipal no Mesón do Vento, de xeito que a veciñanza deste núcleo de poboación e da súa contorna poida efectuar as súas xestións co Concello sen necesidade de ter que desprazarse ata a capital municipal.
Dentro do seu plan modernizador de Ordes, Viqueira puxo como exemplo a reforma das instalacións da piscina municipal descuberta para que “sexa por fin unha piscina á altura do século XXI, como merece o noso pobo”, a ampliación da Cidade Deportiva ou a creación dun parque canino.
O candidato socialista anunciou que xestionará a consecución de novos servizos para o municipio, como un pediatra de garda e a dotación de radioloxía para o centro de saúde e o Punto de Atención Continuada, unha oficina permanente para a renovación do DNI ou un cartel da Garda Civil digno.
Pilar Cancela e Roberto García
Neste acto electoral multitudinario, a candidatura do PSOE de Ordes estivo respaldada por Pilar Cancela, deputada no Congreso, e por Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.
Cancela fixo fincapé en que as eleccións deste domingo reforcen o cambio conseguido no goberno central con Pedro Sánchez, que en menos de dez meses e a pesar dos obstáculos das dereitas foi quen de subir o salario mínimo interprofesional, recuperar a sanidade pública universal ou incrementar as pensións. A deputada pediu este novo apoio “primeiro para que o Concello de Ordes poida mirar por fin cara adiante” e tamén para crear unha base municipalista que o vindeiro 2020 contribúa ao cambio imprescindible na Xunta de Galicia.
Roberto García amosou a súa confianza na capacidade de traballo de Fernando Viqueira e da súa candidatura. O líder da principal organización agraria galega destacou a necesidade de que tanto nos Concellos como nas demais Administracións, desde a Xunta ata a Unión Europea, o sector primario teña interlocutores válidos e políticas de apoio serias e efectivas. O remate das concentracións parcelarias pendentes, a consecución de prezos rendibles para as producións ou o falso mito de que se trata dunha actividade altamente subvencionada foron algunhas das claves da intervención do responsable de Unións Agrarias.