Saturday 16 de November de 2024

O alumnado do taller de memoria de Palmeira rescata nun libriño a historia da localidade nos séculos XIX e XX


“Palmeira na Memoria”, así se chama o pequeno libriño que acaba de saír do prelo e que foi elaborado ao longo deste curso polos 23 alumnos do obradoiro de Memoria (“Estimulación Cognitiva”) que se desenvolve na citada localidade no marco do Programa de Dinamización Social e Cultural dos Nosos Maiores, organizado polos Servizos Sociais do Concello.

Hoxe tivo lugar a entrega deste libro aos seus creadores nun acto celebrado no multiusos de Palmeira onde se desenvolve o taller. Contou coa participación do alcalde Manuel Ruiz, quen felicitou aos asistentes por este traballo que incide en algo que dende o Concello se vén perseguindo nos últimos anos: “demostrar o noso orgullo pola nosa xente”. Neste senso, o rexedor recordou outras iniciativas encamiñadas a esta fin como a designación de dúas pistas multideporte cos nomes dos irmáns Suco e dos irmáns González Pérez ou máis recentemente os exemplos de dous palmeiráns, o pintor Xoán Fernández e o músico Enrique Paisal, para designar unha praza nas Carolinas e o conservatorio municipal.

Bisavó
Ruiz Rivas expresou tamén o seu orgullo por que no libriño apareza o seu bisavó, José Colomer Soler, e mostrou a súa confianza en que haberá unha segunda edición con máis nomes e imaxes de persoas que contribuíron a facer grande Palmeira.

Tamén dedicou unhas palabras aos seus compañeiros un dos alumnos do taller, Vicente Fernández González, máis coñecido como señor Chouza, que foi quen tivo a idea de recompilar fotografías antigas e rescatar a historia que se esconde tras elas.

Cunha extensión de 58 páxinas e máis dun cento de fotografías o libro rescata a historia de Palmeira nos séculos XIX e XX, dende a chegada dos Soler a principios de 1800 ata sucesos máis recentes como a visita do presidente da Xunta Manuel Fraga. Fíxose unha tirada de 700 exemplares que serán distribuídos entre a veciñanza.

Xunto ao señor Chouza, participaron na publicación os seguintes alumnos: María Dolores Santos Franco, Juana González González, María Dolores Ferreirós Núñez, Concepción Corbelle Gómez, María Santiago Fernández, Francisca Fernández Betanzos, María Lourdes Fariña Casas, Juan R. Vilariño Regal, María Encarnación Rial Rego, Juana Paz Fernández, Ramona Andrade Santiago, María Teresa Olveira Pérez, María Fernanda Lampón Pardavila, Dolores Prieto Magdalena, Ángela Ageitos García, María Teresa Paisal, María González González, Magdanela Castro González, María Gago Rial, Olga Vázques Rivas, María Asunción González Pérez e María García García.