Nos próximos días tamén se levará a cabo a reparación do tramo Cabanela-A Fraga-Sabanda, en Santa Mariña do Monte
A empresa Asfalgal Técnicas Viarias iniciou esta mañá as obras de aglomerado entre o lugar da Fraga -en Ferreira- e a estrada das Pontes á altura da Penalonga, en Igrexafeita. Os traballos forman parte dun paquete viario do POS+ 2018 que tamén prevé actuacións nos próximos días en Santa Mariña do Monte. Agárdase que esta primeira obra quede lista ao longo da xornada do venres, polo que se recomenda utilizar itinerarios alternativos para evitar o tramo afectado.
As obras adxudicáronse a principios de ano en preto de 53.000 euros e, xunto co aglomerado A Fraga-A Penalonga, tamén se reparará o tramo que enlaza os lugares de Cabanela, A Fraga e Sabanda, en Santa Mariña do Monte.
Estes dous proxectos levaban tempo agardando a súa execución. De feito xa foran obxecto dun contrato anterior que o Concello tivo que cancelar ante o incumprimento dos prazos e das condicións por parte da empresa á que se lle encomendaran as tarefas. Unha vez completado o trámite de resolución do acordo, a Administración local reiniciou o expediente de contratación que, finalmente, se licitou a primeiros de decembro por procedemento aberto simplificado ao que concorreron tres empresas.
O proxecto técnico ten dúas partes ben diferenzadas. Entre hoxe e mañá quedará listo o aglomerado de case 1,8 quilómetros de pista desde o lugar da Fraga -en Ferreira- ata a Penalonga, en Igrexafeita, onde conectará coa AC-861. Na práctica vén ser a continuación doutra obra executada no verán pasado coa que se reparou utilizando o mesmo tipo de firme o tramo comprendido entre Os Pontigos e A Fraga, en Ferreira, de maneira que se completará a reparación dun trazado total superior aos 3 quilómetros de distancia.
Por outra banda, entre luns e martes da semana que vén comezará a renovación do firme doutros 1,7 Km comprendidos entre os lugares de Cabanela e Sabanda pasando pola Fraga. Alí optouse por unha reparación dos baches seguida de varias regas asfálticas cubertas con gravilla. Porén, se imos ao mapa das previsións de obras para este ano atoparemos que esta intervención non é a única que se levará a cabo nesa zona. E é que con cargo ao POS+ 2018 hai outros dous proxectos.
O de maior envergadura define o aglomerado da pista entre A Veiga e Castrelo -pasando por Cabanela-, onde conectará coa estrada municipal que vén da Golpilleira, xa aglomerada desde 2017 cunha axuda da AGADER. Son case 2,8 quilómetros novos financiados con cargo ao plan de aforro e investimentos provincial, onde tamén entra a conexión do lugar da Bañoca co límite de Moeche,por un importe global de 112.000 euros.
Outros 35.800 € do POS+ están reservados para a reparación dun camiño no Colado, a continuación da pista desde Sabanda ata a súa confluencia coa estrada provincial e o amaño doutro tramo próximo, no lugar do Espiñeiro.