Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño recibe 34 solicitudes de participación no proceso selectivo para as listas de contratación de persoal administrativo


 

O Boletín Oficial da Provincia publicou hai escasos días a relación provisional de persoas admitidas e excluídas para participaren no concurso-oposición co que crear unha lista de contratación de persoal administrativo do grupo C1. O procedemento abriuse en abril co obxectivo de contar cunha bolsa de persoal da que o Concello poida botar man para cubrir posibles vacantes, baixas ou acumulacións de tarefas. En total recibíronse 34 solicitudes das que alomenos 21 foron excluídas provisionalmente, entre outras razóns, por entrar fóra de prazo, por falla de compulsas na documentación ou por non ter comunicado que a instancia se enviaba por correo ou se rexistraba por vía presencial noutra administración. En calquera caso, a lista de admisións e exclusións é provisional e as persoas interesadas teñen até o día 30 de maio para formularen as alegacións que estimen oportunas.

Estas alegacións poden rexistrarse directamente por mostrador, a través da Sede Electrónica municipal ou ben por algún dos outros medios previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Porén, tanto as bases xerais -no seu punto 4.2- como o anuncio coa lista provisional de admisións indican que é obrigatorio comunicarlle ao Concello se a documentación se remite por correo ou se se rexistra noutra administración e, en calquera caso, dentro dos prazos estipulados. Esa comunicación ha de facerse por fax -981 490 474-, por correo electrónico -correo@sansadurnino.gal- ou calquera outro medio polo que quede acreditado o aviso, co que se pretenden evitar demoras no desenvolvemento do proceso tendo constancia de antemán sobre cantas peticións van chegar nas xornadas seguintes ao último día de prazo. De feito, non ter avisado foi a causa de exclusión -provisional- de alomenos 9 das solicitudes recibidas.

O prazo para a presentación de alegacións finaliza o día 30 de maio. Posteriormente publicarase a relación definitiva de persoas aspirantes e fixarase a data para o primeiro dos tres exercicios -catro se non se acredita coñecemento do galego- que compoñen a fase de oposición. O primeiro será un cuestionario tipo test con 40 preguntas sobre o temario -máis 5 de reserva- que deberán responderse nun máximo de 60 minutos. Este exercicio dará ata 20 puntos e será eliminatorio se non se alcanzan os 10.

O segundo exame consistirá en desenvolver por escrito unha serie de preguntas sobre o temario que despois deberán expórselle ao Tribunal oralmente. Durará tamén 60 minutos, poderán obterse ata 20 puntos e quedarán fóra as persoas que non consigan 10 como mínimo.

A terceira proba da oposición centrarase na resolución por escrito e posterior exposición oral dun ou varios supostos prácticos referidos ao posto. A duración do exercicio será de 90 minutos, poderán consultarse textos legais e a puntuación máxima será de 20 puntos e tamén será eliminatorio para quen non chegue aos 10.

Entre os exercicios tamén se contempla unha proba de coñecemento do galego para aquelas persoas aspirantes que non acrediten documentalmente a posesión do Celga 4 ou equivalente. Esta proba só valorará como “apto/a” ou “non apto/a” -non se obterá puntuación- aínda que si será eliminatoria.

O apartado de oposición outorga un máximo de 60 puntos, mentres que na fase de concurso valoraranse os méritos con ata 40 puntos. O tribunal só revisará os daquelas persoas que superasen as probas da oposición. Teranse en conta os servizos prestados na administración local en postos de igual ou similar natureza (20 puntos como máximo) e os que se prestasen noutras administracións (máximo 10 puntos). Tamén se valorará a formación: ata 5 puntos por cursos oficiais sobre materias directamente relacionadas co posto de traballo convocado e outros 5 como máximo por ter titulación superior á esixida na convocatoria.

Unha vez que se complete o proceso selectivo, as persoas aprobadas entrarán formar parte da lista de contratación segundo a puntuación obtida. O funcionamento da bolsa de traballo será rotatorio dependendo da duración dos contratos. As bases da convocatoria sinalan a este respecto que as persoas que accedan a un contrato de alomenos 6 meses de duración nun período de 12 meses pasarán ao final da lista unha vez acaben de traballar, mentres que aquelas que non cheguen a xuntar un total de seis meses traballados ao longo dese mesmo tramo de 12 meses -cun contrato ou varios-, volverían ao mesmo lugar da lista unha vez rematado o contrato.

Os supostos en que se poderán facer chamamentos son varios: para cubrir vacantes se non fose posible facelo con persoal funcionario de carreira, a substitución transitoria das persoas titulares, a execución de programas temporais -máximo 4 anos- ou por causa de acumulacións de tarefas, suposto no que o contrato podería durar un máximo de seis meses dentro dun período de 12 meses.