Saturday 16 de November de 2024

Fabiola García destaca o importante labor que seguen a ter as persoas maiores na sociedade tras rematar a vida laboral


 

Considera a xubilación como unha oportunidade para implicarse en accións de voluntariado, desfrutar do tempo libre e dedicar máis tempo á familia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta tarde que o avance en benestar vivido nas últimas décadas fan da xubilación unha oportunidade perfecta para seguir a contribuír á sociedade tras concluír a etapa laboral. Díxoo na celebración do 25 aniversario da asociación coruñesa de Maiores de Telefónica, grupo do que forman parte arredor de 800 persoas, principalmente exprofesionais da compañía, e que desenvolve diferentes accións de voluntariado, de carácter lúdico e cultural.

Fabiola García destacou que a actividade de entidades como esta corrobora que en Galicia non hai ningunha porta que se peche cando remata a actividade profesional, senón que se abre unha ocasión para estar ao carón de quen máis o precisa, a través do voluntariado social, desfrutar do tempo libre e estar máis tempo que nunca coa familia. Así mesmo, sinalou que hoxe en día facerse maior debe significar gañar en liberdade e engadiu que as galegas e galegos de máis idade merecen todas as facilidades que antes deron aos demais durante toda unha vida de traballo.

A conselleira avogou por continuar a apostar polo envellecemento activo e por iniciativas de acompañamento aos maiores que viven sós, como as que se realizan desde Maiores Telefónica. Tamén puxo de manifesto o compromiso da Xunta por facilitar alternativas que permitan escoller libremente como envellecer, mediante o reforzamento de programas como o servizo de axuda no fogar, a teleasistencia ou as casas do maior.