Saturday 16 de November de 2024

O novo PEPRI marca o inicio dun novo modelo de cidade baseado na rehabilitación e o coidado do patrimonio


O Goberno local leva á Xunta de mañá, venres 12 de decembro, a aprobación provisional do documento co obxectivo de que teña o visto e prace definitivo en xaneiro

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, anunciou esta mañá que o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán será aprobado de forma provisional na Xunta de Goberno Local de mañá, venres 12 de decembro, tras o que se enviará á Xunta para aprobalo, despois, no pleno de xaneiro: “Poñemos así, case punto e final a unha longa tramitación á vez que iniciamos unha etapa ilusionante e enche de posibilidades. Porque este PEPRI marcará o inicio dun novo modelo de cidade baseado no coidado do pasado, do patrimonio e na aposta pola rehabilitación e pola mellora da calidade de vida urbana. Este instrumento permitirá devolver o seu protagonismo a este espazo e convertelo nun lugar para vivir, un lugar para visitar, un lugar para traballar e un lugar para crear”, sinalou.
Martín Fernández Prado agradeceu o traballo tanto do equipo redactor, coma dos técnicos municipais, doutras administracións implicadas e dos veciños e colectivos que participaron en todo o proceso achegando as súas ideas: “Foi un traballo moi exhaustivo cun claro obxectivo: contar cunha ferramenta moderna, flexible, aberta e froito do maior grao de participación e consenso posible”. Neste sentido recordou que se alongou o prazo de alegacións que deu como resultado un total de 1.558 que foron todas elas informadas e o 95% estimadas total ou parcialmente; realizáronse 14 reunións con asociacións veciñais e colectivos; publicouse o documento na web municipal; formouse un equipo que atendeu persoalmente aos interesados e unha exposición divulgativa; ademais do contacto continuo coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Tal e como avanzou seguirase nesta liña xa que se programaron reunións con todos os colectivos implicados nos próximos días para explicarlles como se recolleron as súas achegas.
Fernández Prado mostrou a súa confianza en que esta nova ferramenta máis actualizada e acorde ao novo PXOM permitirá frear a perda patrimonial da última década (na que a cidade perdeu o 10% -94- edificios catalogados) e devolver ao ámbito o seu protagonismo e o seu lugar. “É unha peza clave e estratéxica da cidade para devolverlle a centraliade metropolitana e para recuperar a nivel social e económico o principal centro de negocios da área metropolitana e de Galicia”, sinalou o concelleiro.

. UN LUGAR PARA VIVIR E VISITAR.
Garántese que todos e cada un dos edificios incluídos no ámbito poderán optar a subvencións, á instalación de ascensores e á rehabilitación das súas vivendas.
Resólvese o fóra de ordenación, para maior tranquilidade dos veciños e asegúrase a vida útil de cada edificio. A redacción do novo PEPRI distingue os edificios da zona declarada conxunto histórico artístico, dos que non se encontran inmersos nela. Neste segundo caso asimílanse á solución aplicada no PXOM para as edificacións fóra de ordenación. No resto dos supostos, os edificios chamados “desconformes volumetricamente”, reducen o seu número considerablemente (o mínimo permitido por Patrimonio) respecto aos computados no PEPRI/98 (71 fronte aos 134 actuais) e flexibilízase a norma para outorgar unha maior permisividade e tolerancia.
Apostase por unha modernización de infraestruturas, espazos públicos e servizos que mellorarán a calidade de vida e a percepción estética da zona, non só para os veciños, senón para outros cidadáns que comezarán a ver esta zona como un lugar ideal para residir.
Flexibilidade. A zonificación do plan (tendo en conta a identidade de cada zona e as completas fichas individuais de cada edificio) vai permitir estudar caso por caso, en vez de aplicar de forma rigorosa e xenérica a norma.
ou Seguir o programa de rehabilitación proposto no PEPRI supoñería intervir no 20% dos edificios nos próximos 12 anos e elevar a ocupación do parque edificado ata o 88% coa reocupación do 34% de vivendas baleiras.
Ou as propostas do PEPRI en materia de melloras de accesibilidade, iluminación, mobilidade… contribuirán a dar unha maior accesibilidade e visibilidade ao centro histórico integrándoo na cidade.

. UN LUGAR PARA TRABALLAR E CREAR.
Ós profesionais do sector permítelles ter un maior coñecemento dos edificios da zona, grazas á exhaustiva análise de 1.700 edificios do ámbito. Ademais, foméntanse as políticas de rehabilitación, xerando emprego nun sector castigado.
Regulación e flexibilidade en usos. Apóstase polos usos exclusivos, permitindo dedicar edificios a un uso comercial ou de oficinas (especialmente, na zona de Cantóns ou Peixaría). Desta forma, preténdese reactivar o corazón de negocios e financeiro non só da cidade, senón da bisbarra e rexional.
Toda a renovación estética, de edificios e de espazos públicos será un foco de atracción para veciños e turistas, axudando a reactivación do comercio e hostalaría.
Neste ámbito fomentarase a posta en marcha do Distrito Creativo.
“En definitiva, contaremos cun documento mellor, máis flexible, acorde a PXOM actual e que permitirá un punto de inflexión para mellorar o patrimonio edificado no ámbito PEPRI e para mellorar o noso casco histórico”, concluíu.