A candidatura liderada por Fernando Viqueira celebra mañá xoves o seu mitin central en Ordes, no que estarán acompañados pola deputada Pilar Cancela e polo secretario xeral de UUAA, Roberto García
“Votar ao partido socialista é apostar polo cambio real e efectivo que garanta unha alternativa de esquerdas que deixe atrás ás dereitas, que nada fixeron por Ordes”. Así o asegura o candidato socialista á Alcaldía de Ordes, Fernando Viqueira Nouché, que convida a toda a veciñanza a asistir ao mitin central do PSOE de Ordes, que terá lugar mañá xoves 23 de maio, ás 21:00 horas, en TEX 45 (antiga LP45) en Ordes.
Viqueira Nouché estará acompañado por Pilar Cancela, deputada socialista no Congreso, e por Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias. Un encontro no que os socialistas volverán presentar o seu programa electoral e demostrarán que “apostar polo partido socialista é apostar polo voto útil, polo progreso ordenado do noso Concello, por un proxecto serio e renovado que permita que Ordes non queda á marxe da corrente socialista que lidera o noso país”, apunta Fernando Viqueira.
Prioridade: o emprego
O candidato dos socialistas ordenses sinala que “a nosa prioridade é o emprego, facilitando o asentamento de empresas en Ordes como motor da nosa economía. Favorecer o emprendemento, axudar ao pequeno comercio e promover Ordes máis aló da nosa comarca son obxectivos prioritarios do noso programa”. Neste sentido, os socialistas defenden a recuperación do proxecto do polígono de Pardiñas e pola creación dun viveiro de empresas.
Así mesmo, os socialistas apostan por “parroquias habitables, onde a xente poida establecerse coa garantía de ter os servizos necesarios para ter unha mellor calidade de vida”. Así, fronte ao abandono do PP, os socialistas propoñen un plan de mellora viaria en todas as parroquias, coa construción de sendas peonís, roza e limpeza e cunetas dúas veces ao ano e completar as redes de abastecemento de auga e saneamento.