A parroquia celebra o sábado o seu xantar popular
Este venres rematan case dous meses de campaña electoral -contando as convocatorias estatal, municipal e europea- e o sábado será día de reflexionar antes de acudir ás urnas o domingo. Meteogalicia predí bo tempo, polo que a xornada de meditación do voto seguramente se vaia en segar a campeira, atender a horta ou calquera outra tarefa que haxa que facer pola casa. Porén, en Ferreira dánnos outra opción: ir xantar e bailar ao pé da capela do San Cristovo. E é que para este sábado está posto o xantar veciñal que se organiza todos os anos por estas datas. Os tiques aínda se poden recoller nos bares da zona.
A comida comezará sobre as 14.00h. na explanada da capela baixo unha grande carpa. Servirase un menú a base de callos, carne asada, sobremesa, café e chupiño cun prezo xeral de 20€, aínda que pola rapazada de 5 a 12 anos só haberá que pagar 5€ e o prato será de balde para nenas e nenos menores dese tempo.
A organización deu de prazo ata o luns para mercar os tiques do xantar. Con todo, aínda hoxe é posible facerse con eles nalgún dos puntos onde están á venda: no bar As Tres Pontes -As Pontes-, no Bar Ferreira, no Café-bar O Palacio, no Bar Xaida e en Casa Casal.
Ademais de comida en abundancia, na cita tamén haberá música para o tempo dos vermús e durante toda a tarde. Da animación encargarase o Dúo Suso, os dous ponteses -pai e fillo- coñecidos pola súa capacidade de baldar a calquera ofrecendo durante horas e sen interrupción un repertorio variado e moi bailable.
O primeiro domingo de xuño, artesanía e carrilleiras en Lamas
Outro lugar onde andan ultimando preparativos para o seu grande evento anual é en Lamas. Alí celébrase o domingo 2 de xuño a XII Feira de artesanía e de degustación de carrilleiras. Xuntanza de Lamas ten practicamente pechado un programa que arrancará a media mañá coa apertura dos postos, nos que atopar todo tipo de manufacturas e mesmo planta e horta.
Cara ás 12.30h. o xornalista da TVG e poeta Pedro Rielo lerá o pregón e, media hora despois, o dúo JM+Ena botaralle unhas “piezas” no seu primeiro pase da xornada. O xantar servirase sobre as 14.00h.: empanada, carrilleiras, bebida e sobremesa a un prezo de 18€ persoas adultas, 15€ rapazada de 6 a 12 anos e gratis para menores desa idade. É importante ir chamando xa ao 618 838 760 para reservar prato. No evento tamén haberá unha exposición de vehículos antigos da asociación Clásicos Narón e a iso das 18.15h. actuará a rondalla Trasnochadores do Eume.
Tanto o xantar popular de Ferreira deste sábado como a feira das carrilleiras de Lamas da primeira fin de semana de xuño están recollidas na nosa axenda de Google Calendar, á que calquera se pode suscribir para que lle salten no móbil -ou no ordenador- as alertas de cantos eventos organizan o Concello e as entidades veciñais.