Monday 25 de November de 2024

O concello inicia o expediente para unha nova pavimentación e instalación de rede de pluviais na rúa da Cruz en Aguiño


O Concello de Riveira informa do inicio do expediente para sacar a contratación unha nova actuación consistente na pavimentación e instalación dunha rede de pluviais na rúa da Cruz, na parroquia de Aguiño.

O orzamento desta actuación ascende a un total de 69.933 euros, IVE incluído, financiados no marco do POS provincial, e o seu prazo de execución son dous meses.

Na actualidade, o pavimento desta rúa presenta mal estado e a rede de pluviais é deficitaria, producíndose atascos e inundacións na calzada.

Conforme ao proxecto elaborado polos servizos técnicos do Concello, as obras que se pretende realizar consisten na instalación dunha nova tubería de augas pluviais de 315 milímetros de diámetro que descorrerá polo centro da calzada do vial en cuestión, con arquetas nos laterais conectados á citada tubería.

Ademais, fresarase o actual pavimento para estender un novo a base de aglomerado asfáltico en quente.