O Hospital Abente y Lago acolleu esta mañá a primeira das seis xornadas programadas nas cidades galegas coa finalidade de mellorar a información e a formación dos axentes implicados na produción deste tipo de residuos
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organizará en maio seis xornadas formativas centradas nos residuos sanitarios, co obxectivo de mellorar a información que manexan os distintos axentes implicados nas diferentes estruturas de xestión integrada dos mesmos, de cara a facilitar a súa separación e posterior tratamento. Así, estas sesións van dirixidas tanto a persoal de centros públicos e privados con implicacións na xeración de residuos sanitarios, pero tamén a responsables de entidades que sexan pequenos xeradores de residuos sanitarios e ao persoal implicado nos procesos posteriores de xestión.
A primeira das xornadas tivo lugar esta mañá no Hospital Abente y Lago da Coruña e contou coa presenza da directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira. Cómpre lembrar que todas estas iniciativas enmárcanse dentro do paquete de accións formativas e de traballo que contempla o Plan de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA), aprobado pola Xunta no ano 2016 como unha ferramenta de planificación en materia de prevención e xestión dos residuos de orixe industrial na comunidade.
O obxectivo da Consellería é achegar e dar a coñecer a situación actual entre os principais axentes implicados na xeración e no tratamento dos residuos sanitarios en Galicia. Os contidos e a temática a desenvolver en cada xornada formativa distribuiranse en dous bloques (dirixidos a cada un dos grupos de destinatarios: grandes e pequenos centros xeradores) nos que se revisarán as obrigas legais existentes, a perspectiva dos xestores e algunhas experiencias de xestión, tanto no ámbito privado como público.
Con esta finalidade, cada bloque comezará cunha breve presentación dos obxectivos que se fixan no PRIGA respecto deste tema e os requisitos aplicables aos produtores de residuos sanitarios derivados do marco normativo correspondente. Así mesmo, todas as xornadas terán unha parte práctica na que se abordará a experiencia na xestión dos residuos sanitarios no ámbito público e no privado, e tamén haberá un relatorio a cargo dunha das empresas xestoras deste tipo de residuos máis representativas na área sanitaria na que se imparta cada sesión, que rematará cun foro de debate aberto ás preguntas dos asistentes.
Próximas xornadas
En total, está prevista a celebración en maio de seis sesións informativas en cidades galegas centradas na xestión e tratamento axeitados dos residuos de tipo sanitario. As xornadas organizaranse nos días e lugares que se indican a continuación, aínda que este calendario podería sufrir variacións en función do número de inscritos.