Friday 22 de November de 2024

Juan Manuel Monterroso protagonizou a primeira conferencia do ciclo cultural Un mes e Pico


O programa Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea comezou a súa programación cunha conferencia na Capela de San Sebastián. Juan Manuel Monterroso Montero, profesor titular de Historia da Arte e director do departamento de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, protagonizou unha sesión na que falou sobre a relación entre o Pico Sacro e a cultura en torno aos Camiños de Santiago. O alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, encargouse de presentar ao ponente nunha cita á que acudiron preto de vinte persoas.

Baixo o título Monsagro. Textos e imaxes para unha tradición xacobea, o historiador puxo de manifesto a importancia do patrimonio histórico, lendario e natural dos Camiños de Santiago. A través de diferente documentación, amosou o forte vínculo existente entre o Pico Sacro e a tradición da Raíña Lupa e a translatio do corpo do Apóstolo Santiago.

As actividades do ciclo Un mes e Pico continuarán este sábado 25 de maio coa visita teatralizada no Pico Sacro A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do Corpo do Apóstolo. Terá lugar ás 17.30 horas. A asistencia a esta conferencia é libre e gratuíta. Para participar só hai que inscribirse no Departamento de Turismo a través do enderezo electrónico boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.