Abrirase ao público ás 18:30 horas e a representación terá lugar durante pouco máis de media hora
Os meniños e meniñas da escola infantil da Ulloa representarán hoxe venres 12 de decembro o seu Belén Vivente, que este ano chega á súa undécima edición. Unha representación que terá lugar ás 18:30 horas no auditorio do centro cultural de Sigüeiro (Oroso).
As mestras da escola infantil da Ulloa estiveron ultimando cos cativos a actuación, xa que inclúe momentos nos que os cativos actúan como, por exemplo, a ofrenda dos Reis Magos ao neno xesús. Na representación participarán uns corenta pequenos, todos eles menores de tres anos, que irán vestidos cos traxes de pastores, anxos, ovellas, lavandeiras… Uns papeis que os mestres reparten de acordo coa idade dos pequenos. Así, os bebés adoitan ser as estrelas e están nos seus berces, mentres que outros personaxes máis principais, como a Virxe, San Xosé ou os Reis Magos, son representados polos “máis maiores”, é dicir, polos de case 3 anos.
Esta será a undécima edición do Belén Vivente da escola infantil da Ulloa, que conta coa colaboración do Concello de Oroso. Un entrañable acto aberto ao público e que sempre adoita ser dos máis concorridos do ano. A entrada é libre e de balde.