Thursday 21 de November de 2024

Éxito do curso sobre ‘Igualdade de xénero e novas formas de violencia contra a muller’


Unha quincena de persoas participou nesta actividade formativa presencial co apoio do Ministerio de Presidencia, Relación coas Cortes e Igualdade

O Concello de Boqueixón rexistrou un gran éxito tanto de participación como de satisfacción no curso presencial sobre Igualdade de xénero e novas formas de violencia contra a muller. Esta actividade, organizada polo CIM de Boqueixón e financiada a través do Miniterio de Presidencia, Relación coas Cortes e Igualdade, desenvolveuse esta semana na aula de usos múltiples sita no consistorio.

Esta iniciativa formativa, impartida pola pedagoga María Isabel Soriano, contou coa asistencia dunha quincena de persoas. Entre as que se atopaban persoal técnico da administración que traballa no eido social, persoal sanitario, educativo e político e tamén persoal dos Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra. Os contidos deste curso estiveron relacionados con temas como a violencia contra a muller por ser muller, novas formas de violencia a través das novas tecnoloxías, impacto e consecuencias na sociedade ou recursos para traballar a igualdade de xénero.

Esta actividade formativa levouse a cabo cumprindo cun dos compromisos adquiridos na primeira reunión da Mesa de Coordinación Institucional contra a Violencia de Xénero: procurar impartir formación especializada para os diferentes profesionais do ámbito local que compoñen a mesa. Unha proposta que tamén cumpre coas directrices do Pacto de Estado de Violencia de Xénero.