O Concello de Noia vén de iniciar as obras de mellora da rúa Castelao, un tramo de 500 metros de longo con dous carrís na parroquia de Barro. Uns traballos orzamentados en 47.640,10 euros e que se realizan con cargo ao remanente de Tesourería, de acordo co crédito extraordinario aprobado en pleno o pasado 26 de marzo e confirmado o pasado 30 de abril, tras levantar unha alegación presentada por un grupo municipal.
O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, explica que “estamos mellorando unha rúa na que hai ano e medio se fixo unha pavimentación con triplo rego pero onde vimos a necesidade de mellorar ese firme con aglomerado”. As obras de aglomerado rematáronse na tarde de onte, polo que esta tarde procederase ao pintado da sinalización horizontal para deixar rematada a obra.