O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo Neira, e o director do centro, Xosé Manuel Silva, entregaron os galardóns
O salón de actos do CPIP Antonio Orza Couto acolleu esta mañá a entrega de galardóns do VI Certame de Relato Curto Xosé Neira Vilas; un acto incluído dentro da programación co gallo do Día das Letras Galegas. O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo Neira, e o director do centro educativo, Xosé Manuel Silva, participaron neste acto, no que se repartiron 750 € en premios.
Na súa intervención, o rexedor boqueixanés tivo verbas de lembranza para o que fora presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, o finado Luis Reimóndez. “Alá onde se atope estará profundamente orgulloso de todas e todos vós”, afirmou, ao tempo que deu a benvida e recoñecemento ao novo titular da fundación, Fernando Redondo Neira.
Ademais, Fernández Munín agradeceu “a implicación do profesorado do centro educativo que, de xeito altruísta, dedicou o seu tempo ao bo desenvolvemento desta iniciativa, o que demostra a súa vocación docente e o seu compromiso coa educación e a cultura”. Finalmente, animou ao alumnado do CPIP Antonio Orza Couto a “non decaer no esforzo intelectual e a deixar voar a súa imaxinación para que fagan realidade os seus soños”.
Pola súa banda, Fernando Redondo Neira salientou o elevado nivel xeral das 123 obras presentadas a concurso. Esta cifra supuxo un novo récord de participación con respecto a anteriores edicións do Certame de Relato Curto, organizado polo Concello, en colaboración coa entidade co sé en Gres e cos centros educativos do municipio boqueixanés. Un fito que valorou moi positivamente o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas. “Ler axúdanos a vivir outras vidas, a explorar outros mundos. Por iso, anímovos a seguir lendo e a continuar participando en certames como este”, concluíu.
Finalmente, o director do CPIP Antonio Orza Couto agradeceu a implicación do profesorado no certame literario que amosa a capacidade creativa do estudantado. Coincidindo co rexedor e o presidente da Fundación Neira Vilas, animou ao alumnado a seguir lendo e a deixar voar a súa imaxinación creando as súas propias obras.
Os galardóns do VI Certame de Relato Curto Xosé Neira Vilas recaeron nos seguintes estudantes:
a) Primeira categoría (3º e 4º de Educación Primaria)
• 1º Premio: O conto dos contos, de María Puente Iglesias, que levou o diploma acreditativo, un vale de 100 € en libros e un libro editado.
• 2º Premio: As aventuras de Álvaro, de Álex Valdés Millán, a quen se lle entregou un diploma, un vale de 75 € en libros e un libro editado.
• 3º Premio: A viaxe soñada, de Simón Rouco González, que acadou o diploma acreditativo, un vale de 75 € en libros e un libro editado.
b) Segunda categoría (5º e 6º de Educación Primaria)
• 1º Premio: Non me arrepinto, de Arianne Ponte Regos (diploma, vale de 100 € en libros e un libro editado).
• 2º Premio: A porta máxica, de Andrea Torres Aldrey (diploma, vale de 75 € en libros e un libro editado).
• 3º Premio: O salón segredo de Neira Vilas, de Iria Rial Fontela (diploma, vale de 75 € en libros e un libro editado).
c) Terceira categoría (Educación Secundaria)
• 1º Premio: adeus, area, de María Crespo Cutrín (diploma, vale de 100 € en libros e un libro editado)
• 2º Premio: A carta, de Carlota Romay Soutullo (diploma, vale de 75 € en libros e un libro editado)
• 3º Premio: Por 100 pesetas, de Rubén Ferreiro Rendo (diploma, vale de 75 € en libros e un libro editado).