Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión conta cun remanente de tesourería para gastos xerais de 4,4 millóns de euros


 

O pleno municipal aprobou un recoñecemento extraordinario de crédito de 49.125 euros para o pago de facturas de 2017 e 2018 pero que se presentaron entre febreiro e abril de 2019

A unanimidade presidiu a que podería ser a derradeira sesión plenaria desta lexislatura en Brión. Os tres grupos municipais e o concelleiro non adscrito aprobaron tanto as actas da sesión anterior como un recoñecemento extraxudicial de crédito por 49.125,78 euros para o pago de facturas por servizos prestados en 2017 e 2018 pero que se presentaron entre febreiro e abril de 2019.

Así mesmo, o Grupo de Goberno deu conta da liquidación do Orzamento de 2018, que se pecha cun resultado orzamentario de 1.722.829,25 euros e un remanente de tesourería para gastos xerais de 4.423.482,04 euros, cun período medio de pago de 0,85 días e cumprindo tanto os principios de estabilidade orzamentaria, como a regra de gasto. O alcalde de Brión, José Luís García, asegura que “estamos ante uns resultados que demostran a boa xestión realizada en Brión, pois son máis de seis millóns de euros, case un orzamento completo que agora imos poder empregar, toda vez que o actual executivo central puxo fin ao despropósito do señor Montoro. Agora poderemos empregar eses cartos en obras e servizos que melloren a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

García tamén agradeceu o labor de todos os concelleiros presentes na que, salvo cuestión extraordinaria, será a derradeira sesión plenaria desta lexislatura. Un agradecemento que fixo de xeito especial a todos os concelleiros que non repetirán despois do 26 de maio, xa que non concorren ás eleccións municipais, algúns deles con varias décadas de servizo pola veciñanza.