No pleno deste mes tamén se acordou a participación un ano máis no programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes celebrou recentemente o seu pleno correspondente ao mes de maio, no cal se acordou a continuidade do servizo de Atención Temperá.
Con tal fin presentarase unha solicitude de subvención por un importe de 120.000 euros á Consellería de Política Social. Deste xeito a Mancomunidade de Ordes poderá garantir a función levada a cabo polo actual equipo desta unidade, formada por unha psicopedagoga, unha psicóloga e dúas logopedistas. En total son máis de 236 usurarios e usuarias os que se atenderon ao longo do último ano. As súas intervencións están dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, tendo por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
Cómpre lembrar que xa en 2015 a unidade de Atención Temperá da Mancomunidade de Ordes recibira o primeiro premio Coopera de entidades locais, recoñecéndose así por parte da Xunta de Galicia a optimización de recursos por parte do ente supramunicipal.
Seguindo coa orde do día da sesión plenaria, tamén se acordou por unanimidade solicitar a participación no programa de mobilidade xuvenil Galeuropa. Deste xeito, e por terceiro ano consecutivo, unha vintena de mozos e mozas da comarca poderán gozar de estadías en Malta, Turín e Lisboa para a mellora do seu nivel en linguas estranxeiras e a adquisición de experiencia laboral en diversos ámbitos a través da realización de prácticas en empresas.