O Centro de Información á Muller de Riveira promove un concurso de tweets contra os estereotipos de xénero na busca sensibilizar á poboación ante a necesidade de erradicar esas crenzas fortemente arraigadas acerca de como deben ser os homes e mulleres simplemente polo seu sexo.
Segundo as bases do concurso, que están publicadas na páxina web do Concello (www.riveira.gal) pode participar calquera persoa de entre 14 e 18 anos do noso municipio, establecéndose un máximo de 3 tweets por persoas.
Os chíos poderán conter frases, diálogos, microrrelatos ou calquera outra forma de expresión artística que potencie a sensibilización contra os estereotipos de xéneros e expresen o rexeitamento a esa forma de perpetuar a desigualdade entre homes e mulleres. Valorarase a orixinalidade, o estilo, a creatividade, a redacción e o impacto da mensaxe.
Para optar ao premio, debe mencionar ao CIM citando o perfil @CimRiveira e o hashtag #RachaEstereotipos. Ademais, cada participante deberá enviar un mail a igualdade@riveira.com co nome e apelidos, DNI, número de teléfono, tweet ou tweets presentados ao concurso e nome de perfil do twitter.
O prazo conclúe o 5 de xuño ás 14 horas. Haberá un primeiro premio consistente nunha tableta e nun diploma e un segundo nun altofalante e un diploma.