Esta mañá tivo lugar a presentación do Campionato Galego Sub-21 e cadete de Taekwondo. O acto tivo lugar no salón de plenos do mesmo Concello e a el asistiron José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, alcalde e concelleira de Deportes de Ordes. Tamén participaron Cristobo Boudjenane, alma mater do club anfitrión desta cita, o Boudsport; Esperanza Meilán, vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo e Cruz Zendal, presidenta da Asociación de Taekwondistas da Comarca de Ordes.
O campionato desenvolverase ao longo de toda a xornada de mañá sábado, 11 de maio, concretamente a partir das 9 e das 15.30 horas. Serán 208 competidores de case unha trintena de clubs os que participen entre ambas as categorías. Varias e varios deles serán escollidos para representar a Galicia no próximo campionato nacional, o cal terá lugar en xuño.
Os clubs que teñen confirmada a súa participación este sábado proceden das catro provincias galegas. Estes son: Natural Sport Sada, Natural Sport Riveira, Dobok, Garrapucho (A Coruña); Shu Sport, Ozono (Boiro); Kwon (Betanzos); Tk Denodo (Bertamiráns); Maniotas (Noia); Arte e Movemento (CEE); Boudsport (Ordes); Kaesport, Tao, As Sport (Vigo); Mats (Marín); Sares (Cangas); Mace Sport, Taekanart (Pontevedra); Hebe, Patiño (Moaña); Olimpic (Vilagarcía); Moo Duk Kwan, Valerics, (Vilalba); Neka (Monforte de Lemos); Couto, Be One-Ourense (Ourense).
Ademais do Club de Taekwondo Boud-Sport, anfitrión desta cita, na celebración deste campionato participan as seguintes entidades: Xunta de Galicia, Deporte Galego, Deputación da Coruña, Federación Galega de Taekwondo, Asociación de Taekwondistas da Comarca de Ordes, Sportec Ordes e o Concello de Ordes.