Saturday 16 de November de 2024

Noia celebra este sábado a “Pink Fashion”, na que participan máis de 40 tendas que ofrecen un desconto do 20% en todos os produtos


 

Organizada por Noia Histórica, en colaboración co Concello de Noia, inclúe inchables, obradoiros, música e degustacións nos establecementos participantes

Noia Histórica, en colaboración co Concello de Noia, organiza este sábado 11 de maio unha nova edición da “Pink Fashion”, “unha actividade que levamos nove ou dez anos organizando para estimular un pouco o comercio en datas onde descenden as vendas”, explicou esta mañá o presidente de Noia Histórica, Francisco Pérez Caamaño, durante a presentación da actividade. Un acto no que estivo acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón; a concelleira de Comercio, Mariola López Cierto; e a secretaria de Noia Histórica, Yanira Somoza.

Santiago Freire puxo en valor a colaboración do Concello de Noia con Noia Histórica pois “iniciativas coma estas son moi acertadas xa que permite que o comercio local incremente as súas vendas ao tempo que organizan actividades de dinamización que atraen visitantes a Noia e que repercuten tamén no resto da vila”. Un punto no que coincidiu Mariola López, quen apuntou que “aínda que hoxe está chovendo, o sábado teremos un bo tempo polo que animamos á xente a que se achegue a Noia a ver, mercar, tomar algo na nosa hostalería e desfrutar en familia da nosa vila”.

Pink Fashion

Da Pink Fashion, Francisco Pérez destacou especialmente que “conta cun desconto moi atractivo do 20% en todos os produtos, polo que agardamos que moita xente se anime a vir comprar, tanto de Noia como de concellos veciños”. Para atraer máis clientes a este evento, Noia Histórica organizará actividades de dinamización de rúa como inchables (de 17:00 a 21:00 horas na rúa do Curro e na Praza do Cantón), música (de 20:00 a 21:00 horas na rúa do Curro) e outras actividades de 18:00 a 21:00 horas como obradoiros de graffiti (rúa do Curro) e de Tatoos (Praza da Constitución) ou carrito con flocos de millo (rúa do Comercio).

Na iniciativa participarán máis de 40 tendas, que estarán abertas ata as 23:00 horas, e repartirán milleiros de rascas con premios entre aquelas persoas que fagan as súas compras. Ademais, nos establecementos participantes haberá degustacións de chuches, buffet de gominolas, bombóns, canapés, doces, pastas…

Finalmente, Pérez Caamaño aproveitou para presentar unha nova edición dos Días Azuis, organizados pola Federación Galega de Comercio, na que participará Noia Histórica do 13 ao 26 de maio.