Saturday 16 de November de 2024

A popular de San Sadurniño abre o prazo de inscrición


A carreira desenvolverase o domingo 26 de maio e é puntuable para o circuito provincial

O contorno do paseo fluvial acollerá o domingo 26 de maio a VI Carreira popular Concello de San Sadurniño, organizada pola área de Cultura e Deportes coa colaboración da Deputación da Coruña, do CPI de San Sadurniño e a Federación Galega de Atletismo, ademais doutras firmas públicas e privadas. Faltan escasos vinte días para a cita e hai xente que leva semanas adestrando por un circuito que non varía con respecto a anteriores edicións. A popular ten como obxectivo principal a promoción do exercicio e da actividade física en contacto coa natureza como un hábito saudable en todas as etapas da vida. As inscricións poden facerse ata o 21 de maio a través da páxina www.rockthesport.com. Por razóns organizativas e de seguridade hai un límite de 650 atletas para o trazado de 5 km., mentres que para os traxectos curtos das categorías inferiores non hai ningún tipo de restrición.

No caso dos equipos, as inscricións haberá que tramitalas como moi tarde tamén o día 21 de maio facendo antes a inscrición individual na web. Os equipos deben ter un mínimo de 6 compoñentes, han de ser mixtos e paritarios. O alumnado do colexio e o resto da comunidade educativa poderá inscribirse presencialmente no propio centro escolar. O prezo da participación son 4€ para quen corra a proba absoluta -desde Sub 14 a Máster 4-, mentres que para o resto de categorías a inscrición será gratuíta. O regulamento completo pode descargarse desde esta ligazón.

Co obxectivo de axilizar o desenvolvemento das probas, a saída da primeira carreira darase ás 11.00 horas para a categoría Sub 14 e Sub 12, tanto masculina como feminina -anos 2007, 2008 e 2009-, sobre unha distancia de 800 metros arredor do paseo fluvial. Media hora despois sairá a carreira grande para persoas nacidas entre 2006 e antes de 1959, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.

Prevese que esta proba dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 12.40 h. a saída da categoría de Sub 10 -anos 2010 e 2011- e para as 12.50h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2012/2013. En Sub 10 correrán 500 metros e en pitufos só 275 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 13.00h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2014 e 2015- que só terán que botar unha carreira de 75 metros.

A saída da proba absoluta será neutralizada durante os primeiros metros para evitar aglomeracións. En canto ao tráfico, tamén se conta cortar un dos carrís da DP-7601 -a estrada de Ferreira- e maila pista da Penamoura entre o cruce coa provincial e Metalfra, xa que na competición haberá que dar dúas voltas pasando por diante de Intasa antes de volver ao paseo fluvial e facer o esprint final. Tamén estará cortada durante toda a mañá a estrada que une o Centro de Día co lugar de Cornide, permitíndose só o acceso e saída ao aparcadoiro.

O evento deportivo é puntuable para o VII Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña e está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade. Colaboran a Deputación da Coruña, o CPI de San Sadurniño, a Federación Galega de Atletismo e o Club Castro de Lobadiz. No apartado de entidades que botan unha man tamén se inclúe o Concello de Ferrol, Navantia e as empresas Fisio-Che Ben, Mesón A Granxa, Panadería O Forno, O Muíño do Pepe, SEDEGA, DECATHLON e ABANCA.