Thursday 21 de November de 2024

Medio Ambiente ampliará o programa Rexurbe ao concello da Coruña para comprar e rehabilitar inmobles na área da Pescadería


A conselleira Ángeles Vázquez anuncia a intención do seu departamento de incluír tamén a esta cidade na convocatoria de 2019, publicada a comezos de abril co fin de que o Instituto Galego da Vivenda e Solo poida adquirir edificios nos cascos antigos de Ferrol, Betanzos, Ribadavia, Ourense e Tui para construír vivendas

A Xunta de Galicia adquirirá este ano inmobles en estado de abandono ou semiabandono no casco vello de A Coruña para proceder á súa rehabilitación e construír novas vivendas. Estas intervencións enmarcaranse dentro do chamado programa Rexurbe, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda como unha ferramenta para a recuperación de determinados conxuntos históricos e que se articula a través da convocatoria dunha oferta pública para a adquisición de edificios fóra de uso.

Así o avanzou esta mañá durante un encontro informativo coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción de A Coruña (APECCO) a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen lembrou que o Rexurbe foi convocado por primeira vez o ano pasado e ten como obxectivo favorecer a rehabilitación de zonas degradadas e inmobles localizados nos cascos históricos de certos municipios galegos.

Concretamente, a convocatoria de 2018 centrouse nos concellos de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo mentres que a deste ano, publicada a comezos de abril, ampliou o ámbito de actuación aos cascos vellos de Tui e Ribadavia, ademais de volver a incluír na oferta pública de compra os municipios de Ferrol, Betanzos e Ourense. No seu primeiro ano de funcionamento, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adquiriu a través do Rexurbe un total de 26 edificios nas zonas monumentais de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo nos que, grazas ás actuacións xa en curso e ás previstas, obteranse 58 vivendas rehabilitadas.

Este ano e tendo en conta os resultados da primeira convocatoria, a Xunta de Galicia decidiu realizar unha nova oferta pública para a compra de inmobles nos cascos vellos de Betanzos, Ferrol, Ourense, Ribadavia e Tui, concellos aos que se sumará tamén a cidade da Coruña, tal e como anunciou hoxe Ángeles Vázquez. Esta ampliación na que xa se está a traballar permitiralle á Xunta intervir en ámbitos particularmente degradados do casco vello coruñés, como a zona coñecida como A Pescadería.

Entrada en vigor da Lei de Rehabilitación
Por outra banda, Ángeles Vázquez tamén se referiu á recente aprobación da Lei de Rehabilitación de Galicia, a primeira norma deste tipo da comunidade que entrará en vigor o vindeiro 22 de maio. Este novo marco lexislativo ten como obxectivos principais incentivar a rehabilitación para acadar a dinamización dos núcleos rurais e dos cascos históricos, facilitar a recuperación do xa construído e fomentar a cultura da rehabilitación fronte ao abandono.

Para iso, a norma aposta pola simplificación administrativa e a axilización dos trámites necesarios para acometer actuacións de rehabilitación, ao tempo que fomenta a coordinación administrativa co mesmo fin. Paralelamente, como subliñou Ángeles Vázquez, a Lei de Rehabilitación tamén introduce unha novidade importante desde o punto de vista da posta en valor e o respecto polas edificacións históricas e protexidas co establecemento, por primeira vez, dun réxime sancionador específico para loitar contras as pintadas e graffitis que se realicen neste tipo de elementos.

Por último, a conselleira explicou que medidas como o programa Rexurbe impulsadas polo seu departamento, así como a propia Lei de Rehabilitación, terán unha incidencia directa na actividade construtiva da provincia e, polo tanto, sobre o sector. Así, considerou imprescindible que os proxectos e actuacións da Xunta “vaian da man” dos empresarios da construción aos que representan entidades como APECCO para conseguir un “urbanismo responsable” que redunde na xeración de emprego e riqueza e na mellora da calidade de vida dos cidadáns.