A Deputación da Coruña convoca o programa de campamentos deportivos deste ano, que se desenvolverá entre o 7 e o 12 de xullo. Aínda faltan dous meses, pero é necesario ir facendo xa as solicitudes de inscrición para cumprir cos prazos que establece o ente provincial. A San Sadurniño correspondéronlle 3 prazas ás que poderá optar a rapazada de entre 9 e 14 anos. O prazo para botar a solicitude finaliza o día 31 de maio e haberá que presentala na Casa da Cultura.
A actividade terá lugar nas instalacións do Colexio Calvo Sotelo, na Coruña, e ten un custe de 85€ que se deberán facer efectivos unha vez que se teña confirmada a praza. Como ocorre noutras actividades provinciais, como por exemplo a campaña de esquí, a Deputación o que fai é contratar arredor de 400 prazas que logo se reparten entre todos os municipios seguindo principalmente criterios poboacionais.
Unha vez feita esta distribución, o organismo supramunicipal define un calendario con varias quendas para cada comarca, de maneira que se facilita a loxística e, ademais, tamén se consegue que a rapazada dunha área determinada participe toda xunta no campamento.
Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse durante o mes de xullo no Centro Calvo Sotelo da Deputación, situado na cidade da Coruña, en catro quendas de 5 días de duración cun cento de participantes en cada unha delas. San Sadurniño irá na segunda -entre o 7 e o 12 de xullo- xunto co resto de municipios da zona, desde Cedeira ata Vilarmaior.
Durante a súa estadía, a rapazada contará cun amplo programa de activades que inclúe a práctica da natación, o tenis, o sendeirismo ou deportes naúticos, ademais de xornadas de praia, obradoiros ou visitas culturais a centros de interese cultural na cidade e nas proximidades da Coruña, como a Torre de Hércules, o castelo de San Antón ou o Aquarium Finisterrae. O programa cultural complétase con veladas nocturnas nas que as nenas e nenos desenvolverán actividades e xogos que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias.
O último día para botar a solicitude na Casa da Cultura é o 31 de maio. San Sadurniño dispón de 3 vacantes e se houbese máis peticións que prazas dispoñibles faríase un sorteo o luns 3 de xuño. Para obter máis información pódese contactar co técnico de Cultura polas mañás -a través da centraliña 981 490 027- ou enviarlle un correo ao enderezo agustin.perez@sansadurnino.gal.