O Concello de Brión abre unha nova temporada da Campaña de Sendeirismo cun roteiro por Aguiño, que terá lugar o vindeiro sábado 18 de maio. Unha ruta de 20 quilómetros de lonxitude e dificultade baixa, polo que está recomendada para todo tipo de veciños e veciñas, independentemente da súa idade e condición física.
O prezo é o mesmo que nas anteriores edicións, 8 euros, e as inscricións poden formalizarse na Casa da Cultura de Brión ou no 981 50 99 69 ata as 14:00 horas do xoves 16 de maio. O Concello de Brión convoca 52 prazas en cada saída, que serán outorgadas por rigorosa orde de inscrición.
Os 8 euros inclúen o desprazamento en autobús ata o inicio da ruta, con saída da Carballeira de Santa Minia ás 8:30 horas, e a volta ao mesmo lugar. Os participantes levarán comida tipo pic-nic para o xantar, así como calzado cómodo e axeitado.