Saturday 16 de November de 2024

A actual corporación de San Sadurniño despide o mandato cun pleno tranquilo presidido pola unanimidade


Cabería agardar que ás portas dunhas eleccións municipais, o pleno ordinario -onde hai tempo para rogos e preguntas- estivese cargado de debate que en certa maneira servise de quecemento dialéctico dos tres grupos de cara á campaña que arranca a semana que vén. Pero non, non foi así, e fieis ao seu papel institucional, as tres formacións con representación no Concello mantiveron un tono sosegado e aprobando por unanimidade todos os puntos que ían na orde do día. A saber: a integración de San Sadurniño na central de contratación posta en marcha pola Federación Española de Municipios e Provincias, a elección dunha xuíza de paz titular e outra suplente e, por último, o regulamento que vén poñer negro sobre branco o procedemento de concesión das axudas de emerxencia social.

A sesión durou algo máis de 35 minutos. Tempo que empezou a contar coa aprobación das actas anteriores e coa dación de contas sobre as resolucións adoptadas pola alcaldía desde o anterior encontro. Posteriormente entrouse de cheo na exposición dos tras asuntos centrais e con contido executivo.

O primeiro deles consistiu en ratificar a entrada do Concello na central de contratación da FEMP. Trátase dun servizo ofrecido aos municipios pola federación estatal de cara a simplificarlles os procedementos de contratación e tamén á obtención de prezos máis competitivos para os servizos e subministracións que precisen. Na práctica funciona como unha central de compras onde a FEMP negocia prezos e establece contratos marco dos que, despois, poden botar man os concellos adheridos. Algo que en San Sadurniño se faría “puntualmente”, tal e como explicou Suso Soto, quen engadiu que este novo servizo ten tamén o obxectivo de descargar de traballo os departamentos administrativos de municipios pequenos como San Sadurniño.

O segundo punto, relativo á elección dun xuíz ou xuíza de paz e un posto de substitución, saldouse tamén por unanimidade. O asunto xa viña ratificado pola comisión informativa celebrada onte. Presentáronse 10 instancias das que se preseleccionaron as 4 pertencentes a persoas empadroadas no concello. Entre elas os tres grupos acordaron, en base aos méritos e á dispoñibilidade, volver nomear como titular a Patricia Hermida Calvo -actual xuíza- e a Lucía Villares Piñón como substituta.

A parte de debate e acordo do pleno finalizou coa aprobación do regulamento de emerxencia social, onde se artella o procedemento de concesión das axudas municipais destinadas a familias nunha situación económica dificultosa e que requiran apoio económico urxente para gastos relacionados coa vivenda ou aloxamento -alugueiros, luz, auga, etc.-, a cobertura de necesidades de subsistencia, para gastos derivados da educación de menores, a axuda económica para casos de violencia de xénero e outros tipos de gastos non relacionados cos anteriores pero igualmente urxentes que, en todo caso, han de contar cun informe social favorable.

No regulamento márcanse os requisitos para acceder ás axudas reflectindo tanto as circunstancias sociais como os umbrais de renda, ademais das obrigas e compromisos adquiridos polas persoas beneficiarias e toda a documentación que cumprirá presentar para acollerse a elas. A contía máxima anual por unidade familiar estableceuse en 800 euros. As axudas serán persoais e intransferibles e concederanse con carácter finalista, é dicir, para atender as necesidades concretas para as que foron solicitadas. Iso si, malia tratarse dun apoio económico para unha necesidade determinada, no regulamento tamén se sinala que a axuda poderá ser subsidiaria doutras prestacións económicas recoñecidas ou recoñecibles de acordo coa lexislación vixente.

Rogos e preguntas
Neste pleno non houbo nin mocións urxentes nin tampouco rogos, polo que a sesión se adentrou directamente no apartado de preguntas. Foron tres, verbalizadas pola concelleira do PP María Belén Trigo. O grupo popular interesouse polo desenvolvemento das obras na Avenida Marqués de Figueroa preguntando se nos dous proxectos levados a cabo figuraba por duplicado a pavimentación da rúa. Secundino García aclarou que o aglomerado só se acometeu con cargo ao segundo plan de obra rematado recentemente.

Seguindo con este tema, Meizoso tamén inquiriu ao goberno local sobre as condicións de accesibilidade en cadeira de rodas das beirarrúas “con anchos que nalgún sitio teñen dous e pico e noutros 1,35, cando a lei marca 1,50” e dos colectores do lixo, agora protexidos por un peche de madeira. O alcalde defendeu o proxecto, co que segundo dixo, “mellora sustancialmente a accesibilidade” e tamén a aparencia da rúa “no seu conxunto”, lembrando que a obra se cinguiu, co orzamento dispoñible, a acondicionar a infraestrutura existente. “Todo é mellorable” comentou o alcalde, quen sinalou que anchear as beirarrúas “suporía ter que expropiar propiedades”. Con respecto ao uso dos colectores, García indicou que se existía algún inconveniente para abrilos ou pechalos desde a beirarrúa “non habería ningún problema” en mirar de reducirlles a altura aos peches.

A segunda cuestión plantexada polo PP buscaba saber se houbera autorización de Augas de Galicia para facer sondeos á procura de auga no Camiño Arriba e en Igrexafeita. O alcalde aclaroulle ao grupo da oposición que para a realización de sondeos “non é necesario permiso”, senón que este se debe solicitar unha vez que se atope auga e se faga unha captación, que debe inscribirse, ademais, nos rexistros do ente público. “Todo está perfectamente en regra”, sentenzou o rexedor.

A última pregunta da concelleira centrouse na recente sentenza do TSXG sobre o ditaminado anteriormente polo Xulgado do Contencioso Administrativo de Ferrol en relación coa sanción imposta a un funcionario municipal pola comisión dunha falta tipificada como moi grave. Belén Trigo criticou a “desinformación” sobre o tema e pediu que se lle aclarase o contido da sentenza e as posibles repercusións económicas para o concello. A ambas cuestións Secundino García respostoulle que tanto o Contencioso como o Tribunal Superior confirmaron que o funcionario cometera “unha falta moi grave” e que o que este cuestionou nos tribunais era a sanción de 3 anos e 1 día imposta polo Concello seguindo o ditame da instrutora do expediente sancionador.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol indicou que se debía aplicar unha sanción de “demérito” -algo así como unha degradación que non conlevase suspensión de emprego e soldo- que logo foi confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Para o executivo local e para os servizos xurídicos contratados para levar o caso, a sanción “é moi dífícil de aplicar ou imposible de aplicar” nunha administración de pequena dimensión coma a de San Sadurniño. Con todo, o alcalde mencionou a intención municipal de presentar recurso de casación perante o Tribunal Supremo e puntualizou que “mentres non haxa sentenza firme” o funcionario seguirá apartado do seu posto ata que complete o tempo de sanción imposto.

Despedida de Suso Soto e recoñecemento de Teima-Down Ferrol
Antes de dar por levantada a sesión, o actual portavoz do goberno, Suso Soto, pediu unha quenda de palabra para despedirse como concelleiro da corporación, non sen antes repasar os 12 últimos anos “de traballo honesto, humilde e honrado” á fronte de distintas áreas e, de paso, os cambios que ao seu xuízo se viviron en San Sadurniño neste tempo. Trala relación dos principais proxectos executados polo goberno do que el foi partícipe, Soto tivo palabras de agradecemento para os seus compañeiros e compañeiras de grupo e para a oposición “a pesar da confrontación política”, así como para o persoal municipal “polo seu traballo”. O concelleiro -que non vai en postos de saída na candidatura do seu partido- recibiu o aplauso unánime dos tres grupos con representación municipal e tamén do público que se deu cita para esta derradeira sesión do mandato corporativo 2015-2019.

Ao remate do pleno, Juan José Castrillón -integrante dos proxectos da Asociación Teima-Down Ferrol, tamén lle entregou ao Concello o distintivo “Camiño Teimudo”, co que a entidade quere recoñecer ás persoas e institucións que lle prestaron un apoio destacado nos seus 25 anos de historia.

A asociación, que traballa a prol da inclusión de persoas con síndrome de Down e/ou con discapacidade intelectual, celebrará o próximo 27 de xuño o seu aniversario no parque Raíña Sofía, polo que ademais de deixar unha enseña para colocar ben á vista nas dependencias municipais, tamén achegou un convite oficial para participar nos actos previstos.