Friday 22 de November de 2024

José Luís García presenta ante máis de 300 persoas a candidatura do PSOE de Brión que “mestura experiencia e xuventude e a única con representantes de todas as parroquias”


García: “fronte a promesas electorais, nós presentámonos co aval de proxectos en marcha como o centro de coworking do sector primario, a residencia e centro de día e a que leva sendo unha pedriña no meu zapato os últimos anos: o auditorio”

Máis de 300 veciños e veciñas encheron o auditorio do Hotel Balneario Compostela (no Tremo) para asistiren á presentación da candidatura dos Socialistas de Brión ás próximas eleccións municipais. Encabezada por José Luís García, a lista “mestura experiencia e xuventude” e ten un claro obxectivo: “traballar por Brión”.

Agradecendo a todos os asistentes o seu apoio, García explicou que a súa lista está composta por “persoas honestas, traballadoras, que saben o que fan e, sobre todo, veciños nos que podedes confiar”. Ademais, salientou que a candidatura socialista é a única composta integramente por veciños de Brión e onde están representadas todas as parroquias do municipio.

“Un partido de veciños e veciñas que queren traballar polo mellor para a veciñanza de Brión, tal e como vimos facendo dende que nos presentamos por primeira vez baixo as siglas da Candidatura Galega Independente”, apuntou García. Unha situación que contrapuxo á falta de compromiso por parte dos “paracaidistas” doutros partidos, “que nin sequera están censados aquí e que veñen doutros concellos para completar unha candidatura”.

O Brión que queres

Baixo o lema “O Brión que queres”, tanto García como todas as persoas que integran a candidatura fixeron un repaso sobre os logos conseguidos tanto ao longo dos últimos corenta anos como na última lexislatura. “Nestes últimos catro anos conseguimos logros importantes como levar o subministro de auga ás parroquias da parte alta de Brión, o que rematará cos problemas de seca durante os próximos 70 anos. Non só mantemos en bo estado as nosas pistas e estradas, senón que estamos mellorando a seguridade viaria con varias sendas peonís nas distintas parroquias. Pero xa vos adianto que na próxima lexislatura investiremos 1 millón de euros cada ano para mellorar con aglomerado en quente as principais estradas municipais de Brión. Este ano xa consignamos 700.000 euros para aglomerar 12 quilómetros de estradas, que comezarán a executarse nas próximas semanas”, anunciou José Luís García.

Neste sentido, García explicoulles ás persoas presentes que “fronte ás promesas electorais que se leva o vento, os socialistas de Brión presentámonos a estes comicios co traballo ben feito e co aval de proxectos xa en marcha e que culminaremos nesta lexislatura, como o primeiro centro de coworking do sector primario de Galicia, a nova residencia e centro de día para maiores, e a que leva sendo unha pedriña no meu zapato os últimos anos: o auditorio”. García apuntou que “xa contamos co terreo preciso para facer un gran auditorio a carón da carballeira de Santa Minia onte poder ofrecer máis e mellores actividades para crianzas e maiores, así como unha maior e variada oferta cultural”.

Aposta polo ensino

García aproveitou a presenza dos alcaldes socialistas de Ames, José Miñones, e Oroso, Manuel Mirás, para falar dun problema “que temos todos os concellos que temos a sorte de contar cada ano con máis nenos. Por resumilo dunha forma moi sinxela: se hai máis nenos e non hai máis aulas e máis profesores, temos un problema. Porque estamos falando dos nosos fillos e fillas, non de sardiñas en lata como pensa a Consellería”.

Por iso anunciou que solicitará “unha ampliación de instalacións para o Instituto e unha dotación de profesores suficiente para que se cumpra a ratio de alumnos por aula e se volvan impartir todas as materias. Si, por moito que lle fastidie á señora inspectora, queremos que os nosos mozos e mozas teñan a mellor educación posible. Aínda que vivan nunha aldea”.

E sobre o CEIP de Pedrouzos, anunciou que “traballaremos para conseguir a súa ampliación de acordo cunha solución que convenza aos pais. Terreo hai para facer as cousas ben e nós estamos dispostos a colaborar no que sexa e a facer as cesións que sexan precisas polo benestar dos nosos nenos e nenas. Iso si, o que precisamos é dunha Consellería que queira facer as cousas ben e non dunha Consellería que estea coa calculadora na man e mirando a cor política de cada concello”. Ademais, García apuntou que “se a Xunta do PP segue a facer oídos xordos ás reclamacións dos veciños de Brión, os veciños de Brión teremos o ano que vén a oportunidade de enviar ao señor Feijoo á súa casa e apostar por un goberno socialista e de progreso na Xunta de Galicia”.

Finalmente, García tivo palabras de especial agradecemento para tres concelleiros que estiveron con el dende o principio (José Pedro Cambón Fernández, Carmen Rey Túñez e Jesús Quintela Vázquez) e que nesta ocasión “quixeron dar un paso a un lado para facilitar a incorporación de xente nova, con ánimos e ideas renovadas, pero podedes estar seguros de que seguiremos precisando do seu consello, pois a experiencia é un grao”.