Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia instala os primeiros xogos inclusivos nos parques infantís da Alameda e de San Lázaro


 

O Concello de Noia vén de instalar os primeiros xogos inclusivos nos parques infantís da Alameda e San Lázaro, deseñados para o xogo en común dos nenos e nenas do municipio, independentemente de se teñen ou non algún tipo de discapacidade funcional. A Concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto, explica que “aspectos físicos, psíquicos, cognitivos ou sociais non poden ser un factor de exclusión dun neno ou nena á hora de xogar, por iso xa me comprometín no pleno municipal a instalar estes xogos inclusivos”.

Concretamente, estes dous primeiros xogos inclusivos que se instalan en Noia son dous asentos inclusivos para columpios, que contan cun arnés de protección e un peche de seguridade deseñado baixo a normativa europea e proporciona a máxima seguridade durante o xogo. Un xogo que pode ser empregado por todos os nenos e nenas do parque, se ben se recomenda que estea acompañado por unha persoa adulta.

Mariola López explica que “con xogos inclusivos nos parques infantís contribuiremos ao desenvolvemento físico, intelectual, emocional e social de todos os nenos e nenas de Noia, fomentando de xeito totalmente natural a interrelación entre crianzas con capacidades diferentes e creando un ambiente inclusivo para o xogo en común”.