Friday 22 de November de 2024

A Xunta regula os procedementos negociados para buscar máis competencia entre empresas, mellores ofertas e máis transparencia


Lembra que un dos eixos fundamentais do Plan de mellora da contratación pública, aprobado o pasado mes de xuño, é o de maximizar a concorrencia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou tras o Consello da Xunta, a regulación dos procedementos negociados para acadar unha maior competencia entre os licitadores e, polo tanto, obter unha mellor oferta para os intereses públicos; e afondar na transparencia na contratación da Administración autonómica. “Aprobamos un acordo relativo aos procedementos negociados do sector público autonómico, que supón un paso máis a prol dunha contratación pública eficiente e responsable”, aseverou.

“Hoxe, decidimos que nas obras entre 50.000 e 200.000 euros e os servizos entre 18.000 e 60.000 euros, as ofertas que se presenten se poidan ensinar ao resto das empresas presentadas nese procedemento co obxecto de seguir diminuíndo os prezos da oferta. Aprobamos, así, modelos de cláusulas a incluír nos pregos dos procedementos negociados co obxectivo dunha maior competencia entre os licitadores e maior transparencia nas adxudicacións”, abundou.

Feijóo incidiu en que entre as novidades se establece que na fase de negociación as empresas invitadas coñecerán as características esenciais das ofertas das súas competidoras, abríndose a posibilidade de emendar a súa proposta inicial para introducir novas melloras. E, incluso o órgano de contratación poderá convocar aos licitadores a un acto presencial onde se poderá realizar unha última rolda de negociación entre as contraofertas presentadas.

O titular da Xunta afirmou que, deste xeito, lógrase un sistema dinámico, unha transparencia que non existe no ámbito da contratación pública doutras administracións e unha Administración “máis eficiente, máis entendible, simplificada e transparente”. E, neste sentido, lembrou que un dos eixos fundamentais do Plan de mellora da contratación pública, aprobado o pasado mes de xuño, é o de maximizar a concorrencia.

Así mesmo, e tamén ao abeiro deste plan, aprobouse o pasado mes de setembro o catálogo de autoprovisión e tomouse razón das subministracións, obras, servizos e prestacións que serán obxecto de contratación centralizada. Unha forma de cooperación e coordinación entre consellerías que se estima que suporá un aforro de 30 millóns de euros anuais ás arcas públicas.