Friday 22 de November de 2024

Ovidio Rodeiro destaca que as axudas de Cultura e Turismo para a mellora da accesibilidade e sinalización deixarán na comarca do Barbanza máis de 143.000 euros


O delegado territorial da Xunta na Coruña informou destas novas axudas que reciben os concellos para mellorar a calidade da oferta turística
A Xunta de Galicia investirá este ano máis de 143.000€ en 3 concellos da comarca do Barbanza e na agrupación Ría Muros-Noia ao abeiro da orde de axudas da Consellería de Cultura e Turismo que ten como finalidade o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais

O representante do goberno autonómico destacou que “estas axudas van dirixidas a mellorar a calidade dos recursos turísticos dos concellos para facelos máis atractivos aos visitantes”. Neste senso, apuntou que “estas subvencións están orientadas ao fomento e posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística dos concellos”.

Cómpre lembrar que o Goberno galego ampliou o ano pasado os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros, co obxectivo de afondar na colaboración coas administracións locais e mellorar as infraestruturas turísticas a través do seu embelecemento, a mellora da sinalización ou da accesibilidade, principalmente.

Os concellos nos que se realizarán obras ao abeiro destas axudas son Porto do Son, Muros, Boiro en na Ría Muros-Noia. Entre as actuacións máis relevantes destacan os máis de 41.000€ que se investirán na Senda litoral entre as praias da Gafa e de Ornanda (As Gaviotas) e os máis de 44.000€ para a mellora da accesibilidade e embelecemento dos recursos de turismo industrial da Ría de Muros-Noia no seu entorno rural.

En toda a provincia, a Consellería de Cultura e Turismo apoiará a realización de 24 actuacións cun investimento total que supera os 581.000€.