Friday 22 de November de 2024

A Xunta convoca 156 prazas para reforzar os órganos especializados da Administración e o Sergas


Explica que o Goberno galego vai sacar a oposición un total de 53 prazas no ámbito da Función Pública, o que representa un 13 por cento máis que o ano anterior e supón que se teñen ofertado xa 325 prazas desde 2011

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou, na rolda de prensa do Consello, a aprobación de dúas ofertas públicas de emprego para o presente ano que suman un total de 156 novas prazas. Unha delas, correspondente ao eido da Función Pública, para reforzar os órganos especializados da Administración, e outra, no Sergas, para cubrir diversas categorías de persoal estatutario.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que a Xunta vai sacar a oposición un total de 53 prazas no ámbito da Función Pública, o que representa un 13 por cento máis que o ano anterior e supón que se teñen ofertado xa 325 prazas desde 2011.

Trátase de prazas que reforzan órganos especializados da Administración, explicou, e inclúense: técnicos de finanzas, subinspectores de consumo, biólogos, veterinarios, enxeñeiros industriais e químicos. E, ademais, como mínimo unha de cada catro prazas corresponderase a promoción interna e haberá unha reserva de prazas do sete por cento das vacantes para as persoas con algunha discapacidade, engadiu.

No tocante ao Sergas, o titular do Goberno galego avanzou que se ofertarán 103 prazas, que veñen sumarse ás 165 do ano 2013, cando se cubriron prazas de enfermeiro e médico de familia de atención primaria.

Nesta ocasión, ofértanse prazas de enfermeiro especialista en obstetricia e xinecoloxía, fisioterapia, logopeda, terapeuta, técnicos superiores sanitarios -anatomía patolóxica, hixiene bucodental, imaxe para o diagnóstico, laboratorio de diagnóstico clínico e radioterapia-, e técnicos en coidados auxiliares de enfermaría. As prazas serán provistas polo sistema de concurso-oposición; a metade das que se convoquen en cada categoría resérvanse para a súa provisión polo sistema de promoción interna, e o 5 por cento das vacantes resérvanse a persoas con algunha discapacidade.

Co obxectivo de que a Comunidade conte cunha Administración pública ben dimensionada e eficaz, para que os cidadáns teñan os mellores servizos, Feijóo lembrou a posta en vigor dunha serie de medidas nos últimos anos no eido do emprego público, entre as que destacou: a Lei do emprego público, aprobada a semana pasada; o impulso dos concursos de traslados para facilitar o dereito á mobilidade dos funcionarios, con máis de 6.800 prazas ofertadas desde 2009; a implantación da flexibilidade horaria, á que se acolleron xa máis de 6.000 empregados públicos; e a estabilización do cadro de efectivos, sendo Galicia a Comunidade autónoma que mantivo máis estable o emprego público desde o inicio da crise.