Friday 22 de November de 2024

Aprobado polo Pleno o sorteo dos membros das mesas electorais para as eleccións locais


 

O Concello de Ordes aprobou hoxe por unanimidade o sorteo levado a cabo para a constitución das mesas electorais de cara aos vindeiros comicios municipais, que terán lugar o 26 de maio.

Tal día instalaranse un total de 18 mesas electorais repartidas do seguinte xeito: Casa da Cultura (3 mesas); CEIP Campomaior (3 mesas); CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2 mesas); salón de actos da nave de gando no Mesón do Vento (1 mesa); antiga escola de Leira (1 mesa); antigo colexio de Mercurín (1 mesa); antiga escola de Vilamaior (1 mesa); antiga escola unitaria de Buscás (1 mesa); antiga escola de Pereira (1 mesa); antiga escola de Poulo (1 mesa); local social da igrexa de Beán (1 mesa); local social de Castro Parada (1 mesa); antiga escola de educación infantil de Santa Cruz de Montaos (1 mesa).

Nesta sesión ordinaria non se presentou ningunha moción, aínda que tanto o BNG como a non adscrita Beatriz Martínez Candal fixeron un rogo e preguntaron sobre a débeda do Concello. Segundo palabras do alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, “a débeda viva ascendía a 31/12/2018 a pouco máis de 3.075.000 €, aínda que en termos de débeda pública municipal, a pendente coas entidades bancarias, esta descende ata 1.721.000 € a efectos do que marca a Lei, e situarase en torno a 1 millón de euros ao final de 2019”. Isto débese a que segundo a Lei de Estabilidade Orzamentaria, e máis concretamente en base ao Protocolo sobre Procedemento do Déficit Excesivo, a definición de débeda pública non inclúe os préstamos concedidos polas deputacións provinciais aos concellos, tal e como se regula tamén na normativa europea.
Dentro dos prestamos provinciais dos anos 2016, 2017 e 2018 compre recordar que se dedicaron a investimentos 554.192,41 euros (ampliación aparcamento tanatorio, bombeo saneamento Buscás e arranxo de vías en varias parroquias).