Saturday 16 de November de 2024

O terceiro Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres de Riveira recolle 60 medidas a implantar polo concello de aquí ao 2023


Os seus redactores acentuaron o seu enfoque transversal

Logo dun traballo de dous anos, o Concello de Riveira vén de presentar esta mañá o seu terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres (PIOM) que abranguerá entre os anos 2019 e 2023.

O alcalde de Riveira Manuel Ruiz, a directora do CIM Dolores Crujeiras e Paloma Seijo no nome da empresa que se encargou da elaboración do documento —SENES Desenvolvemento Comunitario— deron a coñecer as principais conclusións deste traballo nun acto cos medios de comunicación que precedeu a outra presentación dirixida aos traballadores e representantes do Concello, en tanto que esta tarde haberá un terceiro acto desta índole destinado aos axentes socioeconómicos do municipio.

Altamente participativo
O alcalde do Concello salientou o alto carácter participativo da fase de elaboración deste plan na que se contou coas aportacións tanto do persoal municipal, como de asociacións e outras entidades do municipio e dos propios veciños que se quixeron implicar. Trátase dun plan de traballo “de máximos” en palabras de Dolores Crujeiras, quen explicou que aínda que os resultados do segundo PIOM foron moi bos quedaron cuestións pendentes que é preciso enfocar neste novo documento dende unha perspectiva transversal.

O plan está estruturado en 8 áreas estratéxicas subdividadas en 21 obxectivos operativos e en 80 medidas concretas e calendarizadas (pódese consultar o arquivo integramente en http://www.riveira.es/servizos/centro-de-informacion-a-muller/)

Comisión de igualdade
Entre estas últimas, Paloma Seijo destacou a formación dunha Comisión de Igualdade que se encargará de recopilar datos relativos a esta temática dos distintos departamentos municipais. Tamén salientou a elaboración dun Regulamento de Linguaxe Inclusivo así como outras iniciativas máis tanxibles como a recomendación de instalar cambiadores de bebés non só nos baños de mulleres das instalacións públicas senón tamén nos dos varóns.

Outro aspecto no que o plan aconsella incidir é na realización accións orientadas a unha mellor educación sexual dado que se ten detectado que aínda é un tema tabú dentro da nosa contorna.