Monday 25 de November de 2024

Fabiola García salienta a colaboración entre Xunta e entidades para acadar unha inclusión real das persoas con discapacidade


Pon en valor a determinación do homenaxeado e destácao como un exemplo a seguir e de superación

A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou a colaboración entre a Xunta de Galicia e as entidades sociais para acadar unha inclusión real das persoas con discapacidade na sociedade. Fíxoo esta mañá no homenaxe que a Asociación de Parálise Cerebral (Aspace) Coruña realizou a Eliseo Pérez na súa localidade natal, San Cristovo de Cea.

Durante a súa intervención, Fabiola García destacou a importancia de continuar o traballo conxunto que manteñen as institucións públicas e entidades sociais, co obxectivo de derrubar as barreiras que poidan encontrar no seu día a día aquelas persoas que teñan limitada a súa autonomía persoal por calquera motivo.

Neste sentido, a conselleira de Política Social subliñou a vontade do Goberno galego por continuar este traballo de colaboración coa finalidade de achegar os mellores recursos e servizos, que axudan a persoas como Eliseo Pérez a acadar grandes éxitos.

Así, Fabiola García puxo en valor o compromiso, a capacidade de superación e a determinación do homenaxeado, que durante os últimos anos realizou diferentes tarefas dentro do grupo de autoxestores de Aspace Coruña. Ademais de recoñecer o gran labor de Eliseo Pérez, tamén gabou o esforzo diario da entidade coruñesa por mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e a das súas familias.

Vida do homenaxeado
Eliseo Pérez naceu en 1980 en San Cristovo de Cea. Eliseo ten parálise cerebral e é usuario de Aspace Coruña desde o 2001. Desde que forma parte desta entidade mostrou toda a súa vontade por axudar aos demais, por iso decidiu participar no grupo de autoxestores co que, entre outras cousas, axudou na elaboración de guías internas sobre o tratamento ás persoas coa doenza que el mesmo ten.

A maiores, formou parte da comisión de traballo de cidadanía activa da Confederación Aspace, que ten por finalidade orientar e asesorar ás asociacións que están comezando a formar grupos de autoxestores. Como membro desta comisión, participou xunto cunha delegación do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) no IV Parlamento Europeo de Discapacidade celebrado en Bruxelas.
Eliseo Pérez tamén continuou neste tempo a súa formación e nos últimos anos conseguiu superar a oposición de ordenanza da Seguridade Social, aínda que sen lograr praza. Ademais, fixo de presentador nos actos do 40 aniversario de Aspace Coruña, celebrados en 2017, que contaron coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e da conselleira Fabiola García.