Indica que o obxectivo é garantir o correcto mantemento das estradas de titularidade autonómica, tanto en condicións normais, como ante os efectos meteorolóxicos adversos ou en caso de accidente
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello un investimento de 116 millóns de euros para os próximos catro anos, co obxectivo de manter en servizo os 5.400 quilómetros da rede viaria autonómica a través de tarefas de viabilidade invernal e conservación ordinaria.
O titular da Xunta asegurou que o obxectivo é garantir, deste xeito, o correcto mantemento das estradas de titularidade autonómica, tanto en condicións normais, como ante os efectos meteorolóxicos adversos ou en caso de accidente. No caso da conservación ordinaria, as principais tarefas a desenvolver son operacións de limpeza e desbroce, reparacións de firme e mantemento da sinalización horizontal, vertical e balizamento.
No que atinxe ás tarefas para garantir o tránsito nas nosas estradas, o titular da Xunta explicou que consistirán na vixilancia permanente, na atención a accidentes, así como a reparación dos anos que poidan producir a causa disto, e actuacións en época invernal, especialmente con labores preventivas para evitar os problemas derivados da formación da neve e o xeo.
“Estamos a falar da conservación e mantemento de 5.400 quilómetros de estradas, máis de 50.000 quilómetros de desbroce previsto, máis de 3.700 sinais de tráfico, 23.000 quilómetros de marcas viarias, 285 traballadores, con parte do persoal dispoñible as 24 horas, todos os días do ano, e 67 camións e demais maquinaria”, engadiu Feijóo.
Segundo o responsable do Goberno galego, tan importante ou máis que falar das estradas que se fan novas, é manter as estradas que xa se fixeron, por iso, o Goberno galego compromete os presupostos dos vindeiros catro anos ata 2018 para que, con independencia da evolución orzamentaria, “teñamos en conservación axeitada todo o patrimonio viario da comunidade autónoma”, indicou.
Neste senso, o presidente destacou que a fluidez da circulación, a comodidade dos condutores e, sobre todo, a seguridade de todos os cidadáns son os que animan este contrato plurianual.