Friday 22 de November de 2024

Frades aproba os seus orzamentos para 2019, que recollen un crecemento do 13% en gasto social e do 18% en obras e infraestruturas


 

Os orzamentos medran ata os 2.335.623 euros, un 11% máis ca no exercicio 2018

O pleno municipal de Frades aprobou esta mañá os Orzamentos para 2019, que ascenden a 2.335.623 euros e recollen un incremento do 13% en gasto social e do 18% en obras e infraestruturas. Unhas contas que saíron adiante cos 8 votos a favor do Grupo de Goberno e as 3 abstencións do BNG.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, indicou que os Orzamentos para 2019 “buscan a eficacia e a eficiencia do sistema municipal, co obxectivo de ser unha entidade solvente e ben xestionada que lle ofreza os mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. Neste sentido, Rey Martínez apuntou que os Orzamentos de 2019 “aumentan o investimento tanto en obras e infraestruturas como en servizos sociais, mantendo o nivel de endebedamento bancario cero e a máxima celeridade no pago a provedores”.

Así, os orzamentos do Concello de Frades para 2018 preséntanse equilibrados e ascenden a 2.335.623 euros, o que supón un incremento do 11% con respecto a 2018. Rey Martínez chamou a atención sobre o aumento do 13% no capítulo de transferencias correntes, que suporá un investimento de 159.455 euros en axudas de emerxencia social, subvencións a entidades sen ánimo de lucro e achegas ao Obradoiro de Emprego e á Mancomunidade de Ordes. Neste punto, o alcalde puntualizou que “estimamos que para o exercicio 2019 teremos que achegar máis de 65.000 euros á Mancomunidade para prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a dependentes e en libre concorrencia”. Neste sentido, salientou que Frades pasou de prestar 7.960 horas en 2015 aos 15.240 previstos en 2019.

Así mesmo, Rey Martínez apuntou que o Concello de Frades investirá 977.285,44 euros, o 42% do total do orzamento de gastos, “para dar cobertura a todos os servizos municipais e ás diferentes actividades culturais e deportivas promovidas polo Concello”.

Obras e infraestruturas

No que atinxe ao Capítulo 6 (Investimentos Reais) aumenta un 11% con respecto ao 2018, ascendendo ata os 732.104,65 euros e representando o 31% do orzamento actual. Un capítulo que inclúe 71.941,76 euros do AGADER para o arranxo de camiños rurais, 246.186,59 euros do POS Complementario 2019, 99.057,16 euros do POS 2019 e os 150.832,95 euros do POS Complementario 2018, onde o Concello de Frades achegará 21.429,86 euros.

Así mesmo, o Concello de Frades deixa orzamentados proxectos como a mellora e remodelación do parque público e infantil de Ponte Carreira, que se acometerá a través dunha achega da Vicepresidencia da Xunta; e a humanización desta praza, solicitada hai unhas semanas á Consellería de Medio Ambiente. Finalmente, dótase de orzamento a construción do local social de Añá, na que o Concello de Frades asumirá o 50% do coste e o 50% restante correrá a cargo do Plan Leader.

Os orzamentos foron aprobados sen debate cos votos a favor do PP e as abstencións do BNG.

Arranxos da N-634

Onde si houbo unanimidade foi á hora de esixirlle ao Ministerio de Fomento a execución do proxecto de acondicionamento e mellora da antiga estrada N-634 ao seu paso polo núcleo de Ponte Carreira. “Trátase dun proxecto valorado nuns 350.000 euros e que inclúe o arranxo da antiga estrada N-634 ao seu paso por Ponte Carreira, así como a construción dunha senda peonil onde rematan as beirarrúas”, explica Roberto Rey. Pola súa banda, o Concello de Frades asumiría a titularidade da estrada.

A petición aséntase nun informe da arquitecta municipal que denuncia que “o estado da N-634 ao seu paso por Frades, tanto no seu tramo urbano como interurbano, presenta moitas deficiencias que dificultan o tránsito de peóns e condutores e que supoñen un problema na seguridade viaria dos mesmos, polo que é necesario o seu arranxo”. O informe recolle que “o tramo urbano ten o estado do firme moi deteriorado, con grietas e elementos desprendidos, as beirarrúas teñen rebentados os seus bordes e non existe ningún paso peonil en todo o traxecto. Ademais, as dúas vías de servizo presentan grandes fochancas e desperfectos”.

Rey Martínez explicou que xa mantivo reunións coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e que é preciso solicitar o seu arranxo antes de plantexarse calquera posibilidade de cesión da infraestrutura ao Concello. “Espero que o novo Goberno acceda a realizar estas melloras porque son moi necesarias e xa foran aceptadas polo Goberno de Mariano Rajoy, que mesmo deixara elaborado o proxecto”, explica Roberto Rey. Unha actuación para a que non sería preciso nin facer expropiacións nin elaborar informe de impacto ambiental ningún.