Friday 22 de November de 2024

A Xunta financia 13 brigadas municipais contra incendios en 10 concellos da comarca do Barbanza


O delegado territorial da Xunta pechou unha xornada formativa na que se falou sobre a importancia da prevención dos incendios forestais
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde Noia, Santiago Freire, participaron nunha xornada de traballo no Distrito Forestal de Barbanza no que participaron axentes forestais e técnicos que cobren esta zona. No encontro se lles trasladaron recomendacións prácticas sobre as novidades nas Leis de Montes e Prevención de Incendios e os requirimentos que se teñen que aplicar coas mesmas. As modificacións principais teñen que ver con cuestións como as distancias do arborado, plantacións de eucaliptos ou a xestión dos montes veciñais queimados.

Así mesmo, o representante do goberno autonómico informou da resolución do Convenio da Consellería de Medio Rural coas entidades locais para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais, cofinanciado parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER)

Neste senso, Ovidio Rodeiro destacou que a comarca do Barbanza contará con 13 brigadas municipais en 10 concellos e con sete motobombas nos municipios de Boiro, Noia, Serra de Outes, Porto do Son e Ribeira. En total, contarán con 50 brigadistas municipais. Estes equipos destinaranse a labores de vixilancia e defensa contra os incendios forestais e á realización de traballos de prevención de forma manual durante os 3 meses que estarán operativos.

Ovidio Rodeiro aclarou que todos os concellos que o solicitaron contarán con estes equipos municipais e que aínda está aberta a posibilidade de que aqueles que o pidan poidan contar cun equipo destas características. Neste senso, apuntou que “o traballo deste persoal das brigadas municipais se complementa co operativo da propia Xunta de Galicia do Pladiga na provincia e son un excelente exemplo da coordinación que existe entre o Goberno Autonómico e os concellos para loitar contra esta lacra en Galicia”.

A finalidade deste convenio é por unha banda contar con estas brigadas, que na maioría dos casos están compostas po 5 membros que realizan labores preventivas forestais en camiños municipais e participan nas labores de extinción e inclúe tamén o mantemento e a actuación cos vehículos motobombas. Os alcaldes poden solicitar aquelas opcións que consideren máis necesarias para o seu municipio.