Friday 22 de November de 2024

Moito futuro para o champiñón en Ordes


 

Chegaron a pouco os máis de 3.000 quilos de champiñóns que os hostaleiros prepararon nesta última xornada de ExpoOrdes. Un día, como ben manda a tradición, no que o protagonismo está no prato e especialmente neste produto estrela que hoxe marcou a pauta na vila. Sen dúbida este ano o tempo axudou a que a cita fose un éxito. Bastaba con dar un golpe de vista ao Campo da Feira e demais rúas para ver os bares e terrazas cheas de xente.

Nada máis e nada menos que trinta anos van dende que o municipio leva celebrando esta ínclita Festa do Champiñón. Non é que sexa unha rivalidade entre barras pero visitantes e veciñanza andan arreo para poder probar o maior número de receitas por bares e restaurantes. Con nata, con allo, en empanada, con xamón, elaborado en queixo…. unha vez máis os profesionais dos fogóns botaron a ferver a súa imaxinación para sorprender á clientela e sorprender as papilas gustativas da clientela. E é que está claro que a Festa do Champiñón ten futuro

Polo que se refire á feira multisectorial, ao recinto feiral e á mostra de maquinaria agrícola a afluencia de público foi moito máis que satisfactoria. Moitos e moitas “aproveitaron para vir aquí despois de ir votar”, tal e como se podía oír en multitude de corrillos. E é que polo visto o das eleccións máis que restar sumou asistentes.

ExpoOrdes cerra as súas portas ata o vindeiro ano co obxectivo cumprido. Novamente foi o mellor escenario para darlle visibilidade a todos os expositores tanto de Ordes como da súa contorna e tamén para estreitar lazos e vínculos entre o sector empresarial e a clientela.

Para animar esta última xornada a música viu da man da Banda de Música de Ordes, dos gaiteiros de Sementes da Arte e da charanga Santa Compaña.