Monday 25 de November de 2024

Un total de 17 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora de firme na estrada AC-413, cun investimento de case 1 millón de euros


As actuacións nesta vía, ao seu paso por Ordes, Cerceda e Tordoia, consistirán no fresado e a reposición do firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura se atope deteriorada

Un total de 17 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de mellora do firme na estrada Ordes Carballo (AC-413) ao seu paso polos concellos de Ordes, Cerceda e Tordoia, cun investimento de case 1 millón de euros.

Os traballos proxectados levaranse a cabo no tramo da estrada comprendido entre o punto quilométrico 3 e o 16+200, que coincide coa intersección coa estrada autonómica AC-400, á altura do núcleo da Silva, no Concello de Cerceda.

As actuacións consistirán no fresado e a reposición do firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura presente carencias ou se atope deteriorada.

Ademais, executaranse unha serie de medidas complementarias como a disposición de captafaros, o repintando de marcas viarias, a renovación de sinais verticais e de contención e a realización dunha cuneta de seguridade, onde sexa necesario.

Cómpre lembrar que a Xunta xa actuou nos treitos inicial e final da estrada, pois en 2016 realizáronse obras de rehabilitación da capa de rodadura nos tres primeiros quilómetros. Actualmente tamén está en execución outro contrato de melloras de firme, que inclúe traballos no tramo final da estrada AC-413.