Saturday 16 de November de 2024

ExpoOrdes 2019 abre as súas portas


Seguindo o costume esta primeira xornada estivo dedicada aos empresarios e autónomos da zona. Contou coa presenza do alcalde de Ordes e demais membros da corporación, entre outras autoridades da comarca, así como coa da directora xeral de Comercio e Consumo. Mañá sábado o protagonismo recaerá sobre a Mancomunidade de Ordes

ExpoOrdes abriu as súas portas. Esta tarde celebrouse o acto de apertura cun notable número de asistentes. Empresarios, autónomos e comerciantes déronse cita nesta primeira xornada dedicada especialmente a eles. Acompañándoos en todo momento estivo a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez; o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo ademais da case totalidade dos integrantes da corporación. Tampouco faltou o presidente da Mancomunidade de Ordes, Roberto Rey, así como diversos alcaldes e concelleiros da comarca.

Tras finalizar o percorrido polos postos instalados na carpa situada no Campo da Feira chegaron os discursos. Martínez Sanjurjo tivo palabras de agradecemento, “por apoiar a celebración deste acto co que o Concello de Ordes quere dar visibilidade a todos os expositores expositores tanto de Ordes como da súa contorna. Todos precisan e merecen escaparates como o que brinda esta feira multisectorial”.

O rexedor ordense tamén fixo mención especial ao IV salón Moda e Eventos de Ordes organizado pola Asociación de Comerciantes de Ordes “dando mostra da capacidade que temos para ofrecer produto de alta calidade e variedade tanto no eido téxtil como no de servizos. Ademais tamén fixo alusión á mostra de escritores da zona que este ano ocupa parte do posto do Concello, resaltando “o labor levado a cabo por eles e las ao longo da súa traxectoria e que os fan brillar hoxe aquí con luz propia”.

Tampouco deixou pasar por alto a Festa do Champiñón “que este ano celebra a súa XXX edición. Unha cita que pon de manifesto a creatividade gastronómica da que fan gala os establecementos hostaleiros de Ordes, preparando de infinitas maneiras este produto”. En conxunto estímase que o vindeiro domingo bares e restaurantes da vila de Ordes repartirán máis de 3.000 quilos deste cogomelo.

Pola súa banda a directora xeral de Comercio e Consumo agradeceu o convite e destacou “o importante papel deste encontro como escaparate e motor da dinamización económica da comarca, poñendo en valor os negocios xa consolidados e dando pulo aos que comezan a súa acividade”. Sol María Vázquez aludiu ao espazo que a Consellería de Economía, Emprego e Industria instalou nesta ocasión “para dar a coñecer as posibilidades e o carácter transformador da economía social, así como para impulsar a promoción e comercialización das sociedades participantes e dos seus produtos e servizos”. Trátase de firmas relacionadas con produtos lácteos e os seus derivados, produtos apícolas e da horta, elaborados de porco celta; conservas de anchoa e xoiaría.

Nesta nova edición de ExpoOrdes participan máis de 100 firmas de sectores relacionados con alimentación, automoción, construción, cooperativismo, agricultura, medio ambiente, enerxías renovables, novas tecnoloxías, mobiliario, artesanía, téxtil, medio ambiente, enerxías, acción social, deportes, hostalería, mecánica e, como non, maquinaria agrícola e gandeira entre outros sectores. En total hai que falar de 13.000 metros cadrados de exposición dos cales 3.000 corresponden á carpa instalada no mesmo Campo da Feira.

A partir de mañá sábado o público xeral poderá visitar o recinto ininterrompidamente de 10 a 21 horas. O protagonismo desta segunda xornada recaerá na Mancomunidade de Ordes. Alba Paz Boubeta, subdirectora xeral de Economía Social, acompañará aos alcaldes e representantes institucionais dos sete municipios que a conforman (Ordes, Trazo, Cerceda, Oroso, Mesía, Tordoia e Frades).