Monday 25 de November de 2024

Adxudicada a terceira fase da renovación de beirarrúas na avenida de Ferrol en Riveira


A Xunta fai traballos similares en cen metros da avenida da Coruña

O Concello de Riveira procedeu á adxudicación da terceira fase das obras de renovación de beirarrúas e mellora da seguridade viaria na avenida de Ferrol, principal porta de entrada á cidade de Riveira.

De entre as 13 ofertas presentadas, a da empresa Excavaciones Nima foi a que conseguiu a máxima puntuación na clasificación das mesmas. Así, o orzamento da actuación ascende a 38.085 euros, IVE incluído. O prazo de execución da obra son dous meses.

O tramo, de 212 metros de lonxitude, sitúase na marxe dereita en dirección Xarás. A súa configuración actual, formada por baldosas hidráulicas, atópase bastante deteriorada e ademais carece dunha rede de pluviais que permita a recollida da auga de chuvia.

Rede de pluviais
Con tal motivo, o proxecto que se vai levar a cabo prevé a pavimentación con lousetas de formigón alternando cores branca e gris, así como a instalación dunha rede de pluviais formada por un colector de PVC corrugado SN8 de 315 milímetros de diámetro, incluíndo a instalación de arquetas sumidoiro, pozos de rexistro e acometidas de pluviais ás vivendas colindantes.

Cómpre lembrar que no inverno do 2016 xa se efectuou unha
primeira fase de renovación de beirarrúas na avenida de Ferrol que
afectou a outros 100 metros lineais deste tipo de infraestrutura
Cómpre informar de que o Concello xa ten preparada unha cuarta fase para seguir renovando as beirarrúas da avenida de Ferrol. A primeira, que afectou a outros 100 metros liñais, executouse no inverno do ano 2016.

Por outra banda, cómpre informar de que a Xunta de Galicia está a realizar nestes momentos na outra vía de entrada principal á cidade de Santa Uxía, é dicir, a avenida da Coruña, unha obra que inclúe a renovación de beirarrúas ao longo de 101 metros liñais, ademais da instalación de redes de auga potable, saneamento e pluviais.

Os traballos autonómicos afectan ao tramo comprendido entre os números 109 e 123 da marxe esquerda, mentres que o Concello ten definido e aprobado xa un proxecto posterior para seguir actuando na avenida da Coruña, entre a rúa Caramecheiro e a praza dos Estudantes.