A actuación de Touro execútase ao abeiro do Plan hUrbe e pretende evitar os asolagamentos que se producen en Fonte Díaz coa ampliación da canalización do rego do Portapego
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a ultimar a licitación das obras de mellora e humanización no Concello de Touro que suma 60.000 euros. Esta actuación evitará os asolagamentos que se producen en Fonte Díaz. Os traballos duplicarán a canalización do rego do Portapego para solucionar os problemas de enchentes mellorando así as condicións de drenaxe nas rúas da capital do Concello de Touro.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta información ao alcalde de Touro, Ignacio Codesido, co que esta mañá mantivo unha reunión de traballo, na que tiveron a oportunidade de repasar os proxectos comprometidos polo departamento que dirixe Vázquez Mejuto. Na reunión tamén participaron membros da corporación municipal. Conselleira e alcalde tamén visitaron a zona onde se acometerán as obras.
A conselleira lembrou que a actuación en Touro é unha colaboración interadministrativa, na que a Xunta aporta un 70% e a porcentaxe restante é asumida por cada administración local; enmarcada dentro do Plan hUrbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e a garantir o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos.
A actuación que se levará a cabo no Concello de Touro pretende evitar os asolagamentos que se producen na actualidade debido aos problemas de canalización que se rexistran na localidade de Fonte Díaz. Asemade as obras obxecto deste convenio completarán outra actuación prevista na rúa Ramón Cabanillas e duplicará a canalización do rego do Portapego, co fin de solucionar as problemas de enchentes existentes e mellorando as condicións de drenaxe. Tamén se instalarán arquetas de acceso á canalización para as oportunas operacións de mantemento e rematarase coa reposición da pavimentación afectada no transcurso da obra. Asemade, darase continuidade ao itinerario peonil xa existente. O importe deste convenio ascende a preto de 60.000 euros.
A conselleira recordou que o proxecto ten un prazo de execución que non supera os seis meses. Por último, recordou que ao abeiro do programa hUrbe xa se executaron 200 intervencións nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.