Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia traballa na habilitación dun refuxio para animais abandonados


 

Alcalde e concelleira de Medio Ambiente manterán unha reunión de traballo na Xunta a próxima semana para estudar posibles emprazamentos

O Concello de Noia traballa na habilitación dun refuxio para animais abandonados no municipio. O alcalde, Santiago Freire Abeijón, e a concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri Arufe, achegáronse esta mañá ata as dependencias da Agrupación de Protección Civil de Noia no polígono de Augalevada para avaliar a posibilidade de instalar o refuxio a carón destas instalacións.

“Estamos avaliando distintas alternativas para o refuxio, pero pensamos que unha das máis viables sería a propia base de Protección Civil, para poder así presentarlle unha proposta á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, coa que manteremos unha reunión de traballo a próxima semana”, explica Freire Abeijón. Na actualidade, as dependencias de Protección Civil de Noia contan con dous canís onde se recollen temporalmente os cans abandonados no municipio.

“A nosa idea é facer un proxecto máis ambicioso, un albergue ou refuxio para animais no que levamos xa tempo facendo xestións diante da Consellería do Medio Ambiente”, apunta o alcalde noiés. A intención do Concello de Noia é axilizar no posible as xestións para a construción deste refuxio xa que “temos unha necesidade de ter un lugar onde recoller estes animais, sobre todo coa vista posta na campaña de verán”, sinala Ángela Neri, quen lembra que “durante o pasado verán houbo moitos cans abandonados, incluso chegamos a recoller sete no mesmo día”.

A concelleira lembra que “o pasado mes de febreiro reforzamos o valado da instalación e colocamos comedeiros nas canceiras, onde tamén fixemos un tellado novo, pero somos conscientes da necesidade de contar cun maior espazo e un mellor servizo, tal e como nos teñen trasladado tanto a veciñanza como protectoras de animais”. Neste sentido, salienta a especial sensibilidade do Concello de Noia con estes temas, como demostra o primeiro parque canino da comarca, emprazado no paseo de Labarta.