O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE compareceu no Parlamento para dar conta dos viaxes dos altos cargos do Goberno galego ao exterior
A Xunta segue a potenciar os viaxes ao exterior para promocionar á comunidade galega nos mercados internacionais e na procura de buscar novos investimentos para as nosas empresas. Así o explicou hoxe o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, quen compareceu no Parlamento en cumprimento do previsto no Código ético institucional da Xunta, que recolle os criterios básicos para a regulación das viaxes ao exterior dos altos cargos da Administración autonómica galega.
Segundo relatou o director xeral, pola súa singular transcendencia destacou o viaxe do Presidente a Bruxelas, acompañado pola Conselleira de Facenda, onde se entrevistou co entón Comisario de Política Rexional, Johannes Hahn, a quen lle avanzou as grandes liñas do Programa Operativo FEDER-Galicia para o período 2014-2020. Na entrevista co Comisario concluíuse a importancia de que Galicia invista agora estes fondos en novas tecnoloxías, investigación, medio ambiente, innovación e no desenvolvemento e consolidación das pequenas e medianas empresas. As directrices do Goberno galego á súa administración na acción exterior inciden especialmente na necesidade de intensificar os esforzos no eido económico, co obxectivo de tentar minimizar o impacto da crise na nosa comunidade, e diversificar os nosos mercados.
Ademais Gamallo indicou que o Presidente participou tamén en Bruxelas no VI Foro de Cohesión, no que Galicia foi a única Comunidade Autónoma española convidada, en grande medida polo traballo desenvolvido a prol da cohesión durante os últimos anos no seo do Comité das Rexións, e da visibilidade e accesibilidade que iso nos proporcionou para traballar directamente con altos responsables da Comisión Europea na materia. Neste mesmo Foro, o Presidente presentou a nova estratexia de traballo para o escenario posterior ao 2020, que pasa por centrar a atención europea nos retos e desafíos dos factores demográficos, aliñando os intereses galegos cos de gran parte dos restantes intereses europeos, coma Portugal, Italia, Alemaña, Austria, Bélxica, practicamente toda a antiga Europa oriental e dalgún país nórdico, como é o caso de Dinamarca.
Seguindo coa súa axenda exterior centrada na busca de investimentos para Galicia, o Presidente estivo o 30 de setembro e o 1 de outubro en París, acompañado do Conselleiro de Economía e Industria, co propósito principal de reforzar a alianza de Galicia con PSA Peugeot Citroën, vital para o noso tecido industrial e singularmente para toda a bisbarra de Vigo e a súa contorna, onde se concentran as empresas auxiliares de Citroën. Alí se entrevistou co Presidente do Grupo PSA Peugeot Citroën, D. Carlos Tavares, ante o que defendeu a competencia do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia para axudar á compañía, ademais do compromiso do Goberno galego de seguir apoiando a Citroën con todos os instrumentos legais ao seu alcance.
As restantes viaxes de altos cargos autonómicos centráronse sobre todo en Portugal, e na súa Rexión Norte, ademais de viaxes relacionados coa tradicional atención ás comunidades galegas no exterior e as viaxes promocionais de carácter comercial, que inclúen a atención ós mercados emisores de turistas cara a Galicia.
Finalmente, Jesús Gamallo concluíu a súa intervención incidindo que a actividade exterior da Administración autonómica galega sigue máximos criterios de eficiencia e de preeminencias das prioridades económicas da nosa comunidade, atendendo tamén á promoción da nosa lingua e cultura.