O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou hoxe o XXIV Certame de Teatro Intercentros, que un ano máis se celebrará no Teatro Principal entre o 29 de abril e o 22 de maio. Na rolda estivo acompañado polos dous mestres encargados da organización do certame, Sagrario Torrado e Daniel Baamonde, e tamén por varios alumnos e alumnas que participan como Catalina Figueroa e Aitana Suárez, do Xelmirez I; Elena Fornias, Candela Campos e Xesús Mosqueira, do CEIP de Roxos.
O Certame de Teatro Intercentros, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, segue ofrecendo a alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato de Santiago e comarca a oportunidade de amosar ao público o traballo teatral realizado ao longo do curso nos centros escolares. Os preparativos do certame comezan ao principio do curso, no que se constitúen os grupos, se deciden as obras a interpretar, os vestiarios ou o decorado, e se ensaian as técnicas básicas da interpretación teatral.
Manolo Dios quixo “agradecer o traballo do alumnado e o seu amor polo teatro, ao que dedican moitas horas de esforzo que estou convencido que rentabilizarán ao longo da súa vida”. Pola súa banda, Sagrario Torrado explicou que “o teatro é unha actividade xenial para fomentar e visibilizar o galego” e Daniel Baamonde sinalou que “non hai ningún rapaz que estudara nos últimos 24 anos en Santiago que non coñeza, vira ou actuara no certame intercentros”. Tamén tomaron a palabra Candela, Elena, Xesús e Catalina, que trasladaron aos medios a súa experiencia persoal co teatro.
A representación das obras de educación secundaria será os días 29, 30 de abril e 1, 2 e 3 de maio, e a representación das obras de educación primaria os días 21 e 22 de maio.
Horarios
O 29 de abril será a quenda do IES Rosalía de Castro, coa representación de Coa morte nos talóns, ás 11:30 horas, e Reflexos, ás 17:15 horas. O 30 de abril, o grupo de teatro do Antón Fraguas representará, ás 10:30 horas, a obra Medea, a nosa, e ás 12:30 horas, o grupo do mesmo centro Tantometén traeranos De amor e outras leiras. Xa ás 17:00 horas, o IES Pontepedriña representará a obra Porteira es ti (Juan Torralba).
O CPI de Rois subirase as táboas do Teatro Principal o 1 de maio, ás 12:00 horas con O achado do castro e ás 18:00 horas con Azucre. Xa o 2 de maio haberá tres obras de teatro, unha ás 10:30 horas da man do IES Eduardo Pondal, que representará A fraga animada; outra ás 12:30 h do CPI Eusebio Lorenzo de Dodro, con Achanta Bieito e ás 18:00 horas a obra Vogando nos contos, do IES Antón Losada Diéguez.
As representacións de Educación Secundaria rematan o 3 de maio co IES Praia de Barraña e a súa obra Ah! ás 10:30 horas; e co IES Xelmírez I, que ten preparadas dúas representacións. Ás 12:30 horas a obra Animaliños e ás 18:00 horas Fóra de xogo.
No caso dos centros de Educación Primaria, as obras comezarán o 21 de maio co CEIP López Ferreiro e a obra Aínda non es sogra, a partir das 10:30 horas. Continuará a Aula de Quinto do Colexio de Roxos, ás 11:30 horas, con Mamasina, que medo! E fechará o Colexio Aspanaes Duques de Lugo ás 12:30 horas con Na procura da peza perdida. O 22 de maio, ás 10:30 h poderase ver En todas as familias cocen fabas, do Colexio San Jorge. Xa ás 11:30 horas, o CEIP Raíña Fabiola achegará Entrevista no ceo, e pecharán este XXIV Certame Os Palimoquiñis do teatro afeccionado lucense, cunha fermosa representación de Os Miserables.