O proceso selectivo farase a partir dun listado de aspirantes confeccionado polo Servizo Público de Emprego de Galicia
O Concello de San Sadurniño volveu solicitar neste 2019 o PEL e o Aprol Rural, dous programas deseñados por Deputación e Xunta respectivamente que lles ofrecen aos municipios a posibilidade de contratar persoas desempregadas co obxectivo de reforzar as súas brigadas de obras e servizos. No noso caso a axuda do Plan de Emprego Local chega aos 28.000 euros, cos que se custearán tres contratos temporais: un para conducir o camión e a maquinaria municipal durante seis meses, outro para labores de albanelaría ao longo de cinco meses e medio e un terceiro de peonaxe coa mesma duración. O Aprol Rural supón outros 26.300 euros, destinados neste caso á contratación de dúas persoas como especialistas forestais por un período de 9 meses. A selección farase mediante concurso-oposición sobre un listado de persoas candidatas que será elaborado polo Servizo Público de Emprego de Galicia. Por iso é moi importante que todas as persoas interesadas teñan os seus datos actualizados na oficina do paro e que estes inclúan a busca de traballo en calquera dos perfís que se ofertarán.
O Concello enviará na semana que entra ao Servizo Público de Emprego de Galicia unha solicitude de candidatos e candidatas que se axusten a estas características e que, ademais, cumpran os requisitos de acceso establecidos pola Deputación e a Xunta en cada un dos dous programas.
Os postos de carácter temporal que se cubrirán dentro do PEL son os seguintes:
Un condutor ou condutora de camión (necesario o carné C), durante 6 meses a tempo completo para guiar na maquinaria municipal, incluída a agrícola, para facer rozas na rede viaria ou atender a recollida do lixo.
Unha persoa para facer traballos de albanelaría a tempo parcial -6h./día- durante 5,5 meses, co cometido de realizar pequenas obras de mantemento.
Un peón ou peoa a tempo parcial -tamén a 6 horas diarias durante cinco meses e medio- que apoie o traballo da área de servizos.
Os contratos sufragados polo Aprol Rural serán para dúas persoas especialistas forestais, encargadas de tarefas de limpeza e roza de maleza en espazos públicos. Neste caso os contratos temporais terán unha duración de 9 meses a xornada completa.
Tanto o programa da Xunta como o da Deputación establecen nas súas respectivas convocatorias cales serán os requisitos das persoas aspirantes. É obrigatorio que todas sexan demandantes de emprego inscritas no SPEG e, ademais, os dous programas marcan outras condicións que han de cumprirse, se non todas, alomenos algunha delas, como por exemplo ter máis de 45 anos, levar en situación de desemprego dous ou máis anos, ter unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, ser muller, vivir nun fogar onde ninguén teña traballo, ser familia monoparental, non ter fogar, ter dificultade para atopar traballo por razón do idioma ou circunstancias socioculturais, ser vítima de violencia de xénero ou encontrarse nunha situación de drogodependencia. Ademais, tamén se debe ter en conta que no caso do Aprol Rural non poderán ser contratadas persoas que xa participaran nese programa autonómico en 2018.
O Concello pediralle o listado ao SPEG entre o luns e o martes da semana que vén, polo que é moi importante que todas aquelas persoas desempregadas se preocupen de ter ao día a súa información nas bases de datos deste servizo público. É dicir, ademais de encaixar nalgunha das circunstancias que acabamos de enumerar, é fundamental que figuren como demandantes de emprego en calquera dos perfís profesionais que se van cubrir: condutor/a -sempre que teñan o carné C-, traballos de albanelaría, peonaxe e traballos forestais.
Unha vez que o SPEG envíe a relación de aspirantes levarase a cabo entre eles e elas un proceso selectivo mediante concurso oposición. Na fase de concurso farase a valoración de méritos e na de oposición haberá unha proba escrita ou oral. En calquera caso, as bases da selección estarán dispoñibles para consulta no momento en que se curse a petición do listado ao servizo galego de emprego.