Friday 22 de November de 2024

ExpoOrdes 2019, a piques de abrir as súas portas


 

Ao longo de máis de 13.000 metros cadrados de exposición poderase coñecer as últimas novidades en maquinaria agrícola, alimentación, automoción, deportes, electrónica etc. Paralelamente terá lugar o IV Salón Moda & Eventos e renderáselle unha homenaxe aos escritores e escritoras da zona. Durante o domingo repartiranse máis de 3.500 quilos na XXX Festa do Champiñón

O Concello de Ordes ultima detalles para celebrar un ano máis a súa feira multisectorial e de maquinaria agrícola ExpoOrdes, tamén a súa Festa do champiñón, a cal vai xa pola trixésima edición.

Máis de 100 firmas mostrarán as súas últimas novidades e o mellor do seu servizo. Alimentación, automoción, construción, cooperativismo, agricultura, hostalería, mobiliario, artesanía, téxtil, medio ambiente, enerxías, acción social, deportes, mecánica e, como non, maquinaria agrícola e gandeira entre outros sectores. En total serán 13.000 metros cadrados de exposición dos cales 3.000 corresponden á carpa instalada no mesmo Campo da Feira. As primeiras previsións apuntas a cifras de visitantes similares ás dos últimos anos, nos que se rexistraron arredor de 30.000 persoas.

A apertura oficial terá lugar mañá venres, 26 de abril, a partir das 20.30 horas. Neste día os auténticos protagonistas serán os empresarios/as e autónomos/as da zona. Nesta ocasión estarán acompañados pola directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez, ademais dos membros da corporación municipal e do presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes entre outras autoridades e figuras destacadas do eido comercial.

A partir do sábado as portas do recinto, instalado no Campo da Feira, permanecerán abertas de 10 a 21 horas. O protagonismo desta primeira xornada recaerá na Mancomunidade de Ordes, ente que contará co seu propio posto e dende o que se promocionará turística, económica e culturalmente cada un dos municipios que a conforman (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo).

O comercio de Ordes terán o seu lugar destacado co o IV Salón Moda & Eventos, no que máis de 60 establecementos da Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) habilitarán máis de 135 metros cadrados nos que se mostrará todo en roupa, calzado, organización de celebracións, lencería, agasallos, óptica, viaxes e incluso cociña.

Literatura
Por primeira vez váiselles render unha homenaxe espacial aos escritores e escritoras de Ordes ou ben viviron no municipio. Todos e todas compartirán posto. Nel figurarán o académico Euloxio Rodríguez Ruibal, Ramón Vilar Landeira, Jacobo Ríos Soneira, Marisol Gándara Sánchez, Eli Ríos Liste e Roberto Ramón González Amado. Un espazo no que se poderá coñecer un pouco máis sobre a súa vida e a súa traxectoria bibliográfica.

Feira artesanía
Ademais, ao longo de toda a fin de semana máis de 30 postos formarán parte da feira de artesanía que se instalará na alameda de Ordes. Entre outros obxectos e creacións poderanse adquirir pezas de coiro, bixutería, xoiería, abelorios e elementos feitos con madeira, vidro, doces, roupa confeccionada con la e gancho para nenos e nenas e persoas adultas, agasallos, patchwork etc.

Agricultura, gandería e música
Un dos aspectos máis importantes de ExpoOrdes é a gran mostra de maquinaria agrícola e gandeira que se dá a coñecer nesta cita. Primeiras marcas e comercios de relevancia acoden para amosar o último do mercado. Tractores, ensiladoras, muxidoiras, empacadoras etc. Como novidade este ano a empresa Husqvarna instalará un gran tráiler interactivo en cuxo interior todas as persoas que o desexen poderán coñecer o máis avanzado e innovador neste eido.

Festa gastronómica
Para o último día, o domingo 28, Ordes agarda a milleiros de persoas ansiosas por degustar os seus afamados champiñóns. Os bares e restaurantes porán, unha vez máis, todo o seu empeño e bo facer para deixar a todo o mundo satisfeito coa XXX Degustación do Champiñón. Durante todo o día, con cada consumición, ofrecerán tapas preparadas das máis diversas maneiras. En base a cifras de pasadas edicións prevese que se sirvan arredor de 3.500 quilos deste delicioso cogomelo.

Non se entende ExpoOrdes sen música, por iso este ano a organización contará con varias actuacións durante toda a fin de semana. O sábado será a quenda para a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo, mentres que o domingo a ambientación será dobre grazas aos gaiteiros de Sementes da Arte e á charanga Santa Compaña. Este último día tamén actuará a Banda de Música de Ordes, que iniciarán o seu pasacalles ás 12 horas, antes de ofrecer o seu concerto ás 13.30 horas.

Aparcamento gratuíto
Co fin de facilitar o acceso aos milleiros de persoas que cada ano visitan Ordes nestas datas o Concello habilitou máis de 8.500 metros cadrados de aparcamento gratuíto xusto en pleno casco urbano e a escasos metros da zona de mostras.