A cuarta edición do curso dará comezo o 15 de maio e o Concello de Lousame abre inscricións para a quinta edición, que terá lugar nos meses de xuño e xullo
Oito veciños e veciñas de Lousame remataron hoxe a terceira edición do Curso de Manexo do Móbil para persoas maiores, unhas sesións gratuítas organizadas polo Concello de Lousame para que os maiores do municipio aprendan a sacarlle todo o partido aos seus teléfonos e dispositivos móbiles. Uns obradoiros impartidos por persoal dos Servizos Sociais lousamiás e que teñen lugar ao longo de cinco semanas, a razón dunha hora semanal.
As clases teñen lugar na Casa da Cultura ou no salón de plenos de Lousame, lugares que contan con conexión Wifi. Durante as cinco sesións, as persoas maiores adquiren os coñecementos precisos para un eficaz uso dos seus dispositivos móbiles: saber conectarse a unha rede Wifi, aprender a facer e enviar fotos, saber usar o WhatsApp, consultar as Redes Sociais ou o seu correo no móbil así como descargar aplicacións prácticas (para pedir cita médica, ler a prensa ou escoitar a radio no móbil…).
Para un maior aproveitamento das clases, os grupos son reducidos, de 8 a 10 persoas. Dende os Servizos Sociais de Lousame destacan a boa aceptación dos cursos, pois coa lista de agarda desta terceira edición vaise celebrar unha cuarta, que dará comezo o vindeiro 15 de maio. A maiores, o Concello de Lousame convoca xa a quinta edición, que terá lugar nos meses de xuño e xullo. Os veciños e veciñas interesados en participar só teñen que inscribirse nos Servizos Sociais do Concello (981 820 494) ou por WhatsApp no 689 126 385.