Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño pecha o mes cunha fin de semana de non parar


 

De venres a domingo San Sadurniño será un non parar en canto a programación ben diversa: cabalos en Santa Mariña, motos na Bidueda, charlas e cursos ao redor da apicultura, audiovisual… e todo nunha fin de semana marcada o domingo pola Feira da Plantación e pola xornada electoral das xerais. Para poñer orde na axenda, repasamos deseguido todo o que hai previsto día por día, onde coinciden eventos programados polo Concello, pero tamén por outras entidades.

Todos os datos poden consultarse na axenda de Google Calendar dispoñible nesta ligazón, á que é posible suscribirse co móbil ou con calquera outro dispositivo para que nos salten as alertas con varios días de adianto.

Comezamos a relación de citas polo venres. Ese día comezan na Casa da Xuventude as xornadas “Apostando polo sector primario”, que buscan apuntalar con formación técnica a oferta paralela da Feira da plantación. Ás 19.30h. o apicultor Marcos Varela falaranos sobre comercialización de produtos agroalimentarios e, nomeadamente, sobre a normativa de etiquetado do mel.

Hai previstas máis charlas para os venres seguintes: o 3 de maio ás 19.00h. tocaralle a Marcos Besada e Conchi Mogo abordar as técnicas agroecolóxicas da fructicultura e as obrigas fiscais coas que debe cumprir quen obteña rendas complementarias pola venda de produtos da terra, e o venres 10 será Xan Pouliquen quen comente á mesma hora os beneficios e usos dos peches vexetais, tanto para a gandeiría como para os cultivos.

Sábado, o día con máis oferta
Este sábado 27 de abril será o que concentre maior actividade de norte a sur do concello. Pola mañá comezará na Casa da Xuventude o curso de apicultura ofrecido pola Casa do Mel en colaboración co Concello, para o que aínda está aberto o prazo de inscrición a través do 981 490 027. Ofértanse 20 prazas gratuítas para persoas empadroadas no Concello -que terán prioridade no acceso- e socias da Casa do Mel. Se houbese vacantes, o curso tamén daría entrada a outras persoas, aínda que xa cun prezo de 40€. As seguintes sesións desenvolveranse os días 4, 5 e 11 de maio.

Porén, os eventos con máis afluencia de público previstos para o sábado serán, con toda seguridade, a XIX Festa do Cabalo de Santa Mariña do Monte -organizada pola Asociación de Cabaleiros desta parroquia- e o I Enduro de San Sadurniño, promovido pola Asociación Moto de Campo de Galicia.

O encontro ecuestre terá lugar nunha pista da parcelaria e unha leira situada entre os lugares da Fraga e Sabanda, collendo o desvío que hai algo máis adiante do Mesón Os Cazadores en sentido Valdoviño. As inscricións abrirán ás 10.00h. e hora e media despois comezarán as probas da mañá de Marcha Serrada, Marcha Martelada e Trote de cruzados. Ás 13.30h. farase parada para xantar -churrasco, pan e viño a 10€ e gratis para persoas socias da entidade- e, xa pola tarde, proseguirán as exhibicións coas mangas de trote para trotóns, marcha para trotóns, galope e as carreiras de ponis e burros. Haberá premio para quen quede no 1º e 2º posto de cada categoría.

Tamén durante toda a xornada teremos na zona da Bidueda a proba puntuable para a Liga Galega de Moto de Campo. Trátase dunha competición non oficial semellante a un rally onde se mestura un percorrido regularidade con probas especiais en circuíto pechado nas que se require habilidade, destreza e velocidade sobre a moto. Agárdase a asistencia de de arredor de 150 motociclistas e tamén de centos de persoas, posto que é unha disciplina ben espectacular pola que cada vez hai máis afección.

De 12 a 14.30h. terán lugar nas naves de Pena as verificacións técnicas das motos e a primeira saída darase ás 15.00h. sobre un percorrido duns 40 quilómetros e dúas especiais, unha nun monte da Bidueda e outra nas estruturas de formigón abandonadas que hai fronte a Metalfra, xusto ao lado do parque pechado. A competición finalizará sobre as 20.30h. e os trofeos entregaranse media hora despois, aproximadamente.

Na zona haberá lugar para aparcar e espazo para xantar, aínda que tamén é boa opción optar por algún dos restaurantes próximos, como o Mesón A Granxa, o Mesón O Ferrador, O Muíño do Pepe, Riboira ou o Mesón Os Cazadores. Para calquera deles aconséllase chamar e reservar, tanto para o sábado como para o domingo da Feira da Plantación.

O programa do sábado depara unha última cita en Naraío. Ás 20.00h. proxectarase no local social o documental “O Segredo da Frouxeira”, dirixido por Xosé Abad. No pase -aberto e gratuíto- participará o investigador Enrique Barrera, quen ofrecerá unha charla sobre os crimes cometidos na comarca tralo golpe militar do 36 e a posterior represión exercida polo franquismo. A actividade está organizada pola Asociación de Veciños O Castelo de Narahío en colaboración coa Asociación Memoria Histórica Democrática, dentro do programa Foros da Veiga 2019.

Domingo de votar e de ir á feira
A xornada electoral do domingo estará máis animada do habitual por coincidir en último domingo de abril, data reservada desde hai anos en San Sadurniño para a Feira da Plantación. A deste domingo será a edición número 24 e nela atoparemos todo tipo de planta de temporada coa que decorar xardíns e balcóns, pero tamén árbores froiteiras e materia prima para poñer morteiros -pemento, leituga, tomateiras, etc.- que converten o contorno do colexio público e o campo do bispado no lugar ao que hai que vir, si ou si, para facerse con todo o necesario, incluídas sementes, ferramentas e maquinaria.

A feira comeza ás 10.00h. coa apertura de postos. Baixo a carpa principal estarán os de flor, a planta ornamental e artesanía relacionada co mundo vexetal. Na rúa paralela ao CPI disporanse os expositores de morteiros, de produto alimentario fresco e elaborado, de ferramentas e incluso de pequena maquinaria, sexa para o coidado de xardíns ou para a preparación de pequenos plantíos.

Ás 12.00 e as 17.00h. haberá un obradoiro infantil de elaboración de queixos, ás 17.30h. a Asociación Brío ofrecerá unha exhibición de baile e, como é tradición, con cada compra que se faga na feira poderemos entrar nos dous sorteos de lotes de produtos que se celebrarán ás 14.15h. e ás 19.15h. Ademais, fágase ou non se faga compra, todo o mundo que pase polo posto do Concello levará de agasallo unha planta ornamental -que se entregará en bolsa de papel- e tamén poderá elixir algún dos títulos doados pola Deputación da Coruña dentro da campaña “Libros para sermos Libres”, coincidindo coa semana do Libro.

O programa complétase co espectáculo do Mago Antón “A volta a Galicia en 313 concellos” dentro dun grande “magomóbil” con capacidade para 70 persoas por función. O reputado ilusionista chega a San Sadurniño cunha proposta de 50 minutos de maxia e humor, da que ofrecerá seis pases con entrada gratuíta, tres pola mañá -ás 11.30, 12.30 e 13.30h.- e tres pola tarde, ás 16.30, 17.30 e 18.30h.

Os postos que desexen participar na feira teñen nesta ligazón as bases e maila folla de inscrición, que deberá presentarse antes das 14h. deste mércores no rexistro municipal, por correo postal ou enviándoa a agustin.perez@sansadurnino.gal.